Nace «Oink!», a revista para cativos herdeira do espírito do Xabarín Club

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Converterase na única revista galega dos quioscos destinada a rapaces de entre 6 e 15 anos e con importante protagonismo do cómic

10 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Será a mediados de setembro cando Oink! se converterá na única revista galega dos quioscos destinada a rapaces de entre 6 e 15 anos e cun importante protagonismo do cómic nas súas páxinas.

Segundo o seu director, Marcos Ferreira, Oink! é a revista «herdeira do espírito do Xabarín Club» que se presenta hoxe no Salón do Cómic da Coruña.

Ferreira explica que a revista será mensual, con 56 páxinas «con contidos destinados a rapaces entre 6 e 15 anos, un franxa de idades nas que non hai oferta para os lectores galegos». Nesas 56 páxinas están incluídas 17 de banda deseñada de autores galegos, entre eles Miguelanxo Prado, Yolanda Sánchez Fidalgo, Miguel Porto, Fernando Iglesias, Jacobo Fernández, Miguel Robledo, Pinto & Chinto e Andrés Meixide, con Kiko da Silva como director de arte. O prezo da revista será de 3 euros, «moi por debaixo do que ofrecen revistas similares para un público como o que nós buscamos, unhas revistas que están entre os 6 e os 8 euros», segundo apunta Ferreira, e «ofrecendo un tamaño maior para unha lectura máis cómoda».

Aquela primeira xeración

A publicación nace como a revista do Xabarín Club e, segundo o seu director, «quere recoller o que significou ese programa para a primeira xeración que o viu e utilizalo cos novos».

Unha das peculiaridades daquelas primeiras edicións do programa da TVG era o emprego de grupos musicais galegos. Oink! ten previsto tamén publicar gravacións de grupos galegos. «Non descartamos recuperar algún día a algún dos grupos daquela época, pero agora a intención é aproveitar o talento novo e o que fará a revista é lanzar gravacións de músicos novos», apunta o seu director. A publicación espera vender de 10.000 a 15.000 exemplares.