A Xunta ratifica unha axuda de 232.000 euros á Academia

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, na sede da institución.
O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, na sede da institución. césar quian< / span>

O consello autorizou un convenio entre Cultura e a RAG polo que se financiarán proxectos de investigación lexicográfica e sociolingüística

02 ago 2013 . Actualizado a las 09:06 h.

O consello da Xunta desbloqueou na súa reunión de onte a tramitación do convenio xa pactado coa Real Academia Galega polo cal a Consellería de Cultura destinará este exercicio 232.135 euros a financiar diversos proxectos de investigación lexicográfica, terminolóxica e sociolingüística que desenvolve a RAG.

O impulso ao convenio prodúcese só uns días despois da entrevista, o pasado luns, entre o presidente da Xunta e a nova executiva da Academia, que aproveitou o encontro para solicitar a Feijoo que se axilizase a autorización desta axuda. Este convenio forma parte da asignación total de 550.000 euros que o Goberno galego transfire á RAG a través das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística.

Dicionario de sinónimos

Segundo explicaron onte desde a Xunta, entre os proxectos que permitirá desenvolver o acordo figuran a revisión da base de datos de márketing, a realización do Vocabulario dos sistemas de transporte intelixentes, así como a edición do número 35 de Cadernos da Lingua e mais a revisión e actualización do Dicionario da Real Academia Galega. Neste terreo, os traballos centraranse no campo de sinónimos e palabras afíns co obxectivo de completar un dicionario específico.

O investimento tamén se utilizará para realizar un estudo sobre as competencias lingüísticas en galego e castelán ao final do ensino obrigatorio e unha análise sobre o cambio de lingua habitual en Galicia en función do prestixio do idioma.

Coa autorización desta axuda complétanse as transferencias da Xunta á Academia para o presente exercicio pero, tal e como explicou Alonso Montero o pasado luns tras a entrevista con Núñez Feijoo, queda pendente agora unha nova reunión o vindeiro outono na que se prevé analizar o proxecto da nova executiva da RAG para negociar o financiamento do 2014. O obxectivo histórico da Academia é lograr unha partida estable que lle permita deseñar programacións plurianuais.

Á marxe da transferencia anual de medio millón de euros por parte da Xunta, a principal subvención que recibe a RAG é a partida de 341.000 euros que o Ministerio de Cultura concede ás academias catalá, vasca e galega.