Xesús Fraga gaña o Raíña Lupa co relato dun grafiteiro

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A novela inclúe un resumo en versión rap de cada capítulo

30 jul 2013 . Actualizado a las 09:42 h.

É grafiteiro e ten intención de encher a cidade cos seus deseños e a súa firma. O seu nome non é importante, pero o seu alcume si: Reo. Este é o personaxe principal da novela gañadora do premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil que onte fallou a Deputación da Coruña. Reo é tamén o título da novela escrita por Xesús Fraga, na que o adolescente fala en primeira persoa.

O xurado do premio salientou a «temática actual e a linguaxe directa para rescatar valores». Xesús Fraga, escritor, tradutor e xornalista de La Voz, explica que o seu protagonista ten un obxectivo definido: «Quere ter a cidade cuberta cos seus graffitis porque ese é o seu xeito de vivir».

A historia que conta o protagonista transcorre ao longo dunha semana, a semana final do curso. «Xusto cando ten que decidir que vai facer da súa vida: ir á universidade ou deixar de estudar», apunta o autor. A través do protagonista van aparecendo outros personaxes: «Un pai delineante ao que botan do traballo, unha rapaza brasileira á que queren devolver ao seu país e os seus dous irmáns, xemelgos, que teñen un dúo de rap chamado Dobre Dose».

Xesús Fraga explica que hai homenaxes que teñen que ver cun xénero, o xuvenil, no que se achega ás cousas que lía cando tiña o tempo do protagonista. Homenaxes a autores como Salinger, Neira Vilas e tamén a Roald Dahl.

Ese xeito de aproximarse á historia é tamén o que explica o autor para entender o personaxe: «Cando era adolescente eu sentíame diferente a todo o mundo aínda que non o fose tanto, creo que esa sensación repítese dunha xeración a outra e esa é a perspectiva coa que me acheguei a Reo». No mesmo sentido tamén apunta que escolleu «a primeira persoa como forma narrativa porque é como estar escoitándoo falar».

Xesús Fraga apunta que é un rapaz «convencido do que quere facer, utiliza o graffiti como medio de expresión, pero non é un vándalo: non pinta en monumentos».

Ademais de regresar á súa adolescencia, Fraga tivo que rapear para a novela: «Cada un dos capítulos leva como un resumo no que os dous irmáns rapean sobre o que sucedeu».