Cristina Pato entra co Trasalba na galaxia de Otero Pedrayo

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Cristina Pato interpretou unha peza para pechar a cerimonia.
Cristina Pato interpretou unha peza para pechar a cerimonia. pablo araújo< / span>

A música reivindica o papel das mulleres na historia de Galicia

01 jul 2013 . Actualizado a las 10:25 h.

A gaiteira e pianista ourensá Cristina Pato recibiu onte o 31.º Premio Trasalba nun acto literario celebrado na Casa Grande de Cima de Vila, no municipio de Amoeiro. «O feito de ser emigrante faime entender Galicia desde un xeito diferente», sinalou esta música afincada en Nova York. Cristina Pato recordou como co disco Tolemia intentaba probar que a gaita galega podíase internacionalizar. E resultou. «Desa nova raíz galega en Nova York saíu algo diferente que comunica Galicia», engadiu esta artista universal que forma parte xa da galaxia de Ramón Otero Pedrayo, como lle dixo Pablo Sánchez Ferro, encargado da laudatio.

Pato ten tres licenciaturas musicais e un doutoramento. Tocou en infinidade de concertos polo planeta adiante e incluso actuou ante Obama nun espectáculo seguido por dez millóns de espectadores. Entregoulle o premio -unha escultura de bronce, obra de Buciños, que representa a don Ramón- o presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, o tamén presidente da RAG Xesús Alonso Montero. «Non hai nada para min máis importante que recibir un premio na miña casa, Galicia», manifestou unha Cristina emocionada. Neste acto presentáronse os libros As xeórxicas do pan, de Otero Pedrayo; Cristina Pato, Galicia no fol e a fundación recuperou o libro de Fernández del Riego, O señor da Casa Grande de Cima de Vila. Pato subliñou os valores da familia e a figura da muller galega: «As mulleres de Galicia levaron adiante a historia da nosa comunidade».

A grande proxección universal veulle aos 23 anos, cando, nunha crise existencial, decidiu marchar fóra cunha beca da Fundación Barrié. «Dos momentos de crise saen as grandes obras», dixo a premiada. Abofé que o conseguiu. Cristina Pato tocou, para pechar o acto, unha vibrante peza á gaita.