Zé Paredes: «O panorama cultural galego alimentou mentiras»

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Zé Paredes chegou a Galicia co «Mar revolto» de Vidal Bolaño.
Zé Paredes chegou a Galicia co «Mar revolto» de Vidal Bolaño. Mónica Ferreirós< / span>

«Desde o punto de vista da dramaturxia é un momento xenial; desde calquera outro punto de vista, non», di o dramaturgo

29 jun 2013 . Actualizado a las 10:42 h.

Zé Paredes (Guimarães, 1972) chegou a Galicia despois de ter interpretado un dos papeis daquela obra transfronteiriza escrita por Roberto Vidal Bolaño sobre o secuestro do barco Santa Liberdade. Mar revolto era aquel texto que aproximou a este actor, director e dramaturgo a Galicia e ao seu teatro.

-¿Cal é o momento da dramaturxia en Galicia?

-Creo que desde o punto de vista da dramaturxia estamos nun momento xenial. Desde calquera outro punto de vista non, porque hoxe [por onte] coñeceuse a noticia de que a Agadic non convocaría os premios de teatro cunha desculpa tan absurda como que non daba tempo a facelo. Os premios estaban sendo unha das poucas posibilidades para os autores.

-¿Como é a experiencia de escribir obras de teatro a catro mans?

-No caso de Pacho e mais eu temos un sistema que se complementa. Primeiro discutimos moito, e as veces mal, sobre o que queremos contar. Cando temos isto decidido, comezamos a desenvolver a historia e repartimos os cometidos de xeito que eu me ocupo das partes que sexan máis teatrais e el das outras. Funcionamos un pouco como se fosen encomendas de un a outro. Para min, traballar con Pacho ten, entre outras vantaxes, que é máis un narrador e está lonxe das cuestións de oficio do teatro, polo tanto cando se trata de buscar solucións el é o das propostas arriscadas, eu sempre penso máis nas dificultades técnicas.

-¿Cal é a intención da obra?

-Hai unha primeira intención, humilde, de reinventar o teatro como forma de intervención político social, de aí o título. Ten dous planos, o das miserias humanas, e outro contraposto, coa idea montar unha arma que, metaforicamente, é o teatro. Hai unha parte máis cotiá, con escenas máis convencionais, e outra na que se dan instrucións aos espectadores.

-¿Pode estrañarse o público dese dobre plano?

-É posible que a lectura do texto poida resultar desconcertante, que era algo buscado. Pero na representación os espectadores entenderán inmediatamente os dous discursos.

-No texto hai alusións ao mundo cultural galego.

-Para nós, unha parte do mundo cultural galego sempre está retroalimentado e parece asumir ese posicionamento de segundo plano fronte a unha cultura maior. Tanto Pacho coma eu entendemos que hai actitudes culturais que aceptan ese pequenismo para a cultura galega. Porque pensamos que o noso panorama cultural alimentou mentiras. Nese sentido, estamos esgotados de pelexar, de buscar os espazos e das dificultades para conseguilo.