Unha mostra visual para Roberto Vidal Bolaño

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A exposición viaxará polas principais bibliotecas de Galicia e fará unha parada na Mostra de Teatro de Ribadavia

15 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ofrecer unha visión de conxunto da vida e da obra de Roberto Vidal Bolaño é o principal obxectivo da mostra divulgativa que a Cultura e Normalización Lingüística estrearon na Biblioteca Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. Unha mostra que viaxará polas principais bibliotecas de Galicia e que tamén está previsto que faga parada na Mostra de Teatro de Ribadavia.

A mostra está organizada sobre dez paneis cos que se pretende ofrecer unha síntese da vida do autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas e, ao tempo, tamén unha aproximación a a como foron as transformacións no sector escénico galego ata converterse en un sector profesional.

Segundo a presidenta da Asociación Roberto Vidal Bolaño, Belén Quintáns, a exposición non «está organizada de xeito cronolóxico, senón desde as palabras do propio Roberto e con carácter argumental».

Na mostra están explicadas coas propias palabras do autor algunhas das principais liñas fundamentais de actuación, tanto na súa intención de que Galicia contase con teatro propio, como no tipo de teatro que había que facer para conseguilo.

A mostra, producida por Caramuxo, ten un carácter visual e está orientada a unha primeira aproximación de conxunto utilizando, ademais dos textos, retratos de RVB, carteis de obras das súas compañías, imaxes de obras, textos que escribiron sobres as súas obras e tamén unha cronoloxía que orienta sobre os principais feitos da súa vida.

Segundo Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, a exposición «é de fácil acceso e mostra a un home que viviu intensamente o teatro e un audiovisual daquela aínda nacente».

Para Valentín García, de Normalización Lingüística, Bolaño foi «un firme defensor do galego».

A exposición que onte se iniciou en Santiago rematará no Museo do Mar, en Vigo, chegado o final deste ano. Ata alá pasará por Vilagarcía, Tui, Ourense, Lugo, Burela, Ferrol, e Pontevedra. Anxo Lorenzo adiantou tamén que a exposición poderase ver tamén na Mostra de Teatro de Ribadavia, que se celebrara no vindeiro mes e que terá unha programación dedicada ao dramaturgo compostelán.

Na presentación da exposición sobre RVB, como en outras tantas actividades da vida cultural galega, quedou testemuña da conmoción causada pola morte de Xosé Manuel Olveira, «Pico». Na presentación tanto Belén Quintáns, como Anxo Lorenzo e Valentín García, explicaron a importancia de Pico para o teatro e o audiovisual galego e a relación entre o desaparecido actor e Roberto Vidal Bolaño.