Morre en Santiago o actor Xosé Manuel Olveira «Pico»

Camilo Franco REDACCIÓN

CULTURA

Tiña 58 años e padecía un cancro que xa o obrigara a retirarse dos escenarios

14 jun 2013 . Actualizado a las 10:36 h.

Este mediodía falleceu en Compostela o actor Xosé Manuel Olveira «Pico», un dos rostros máis coñecido do teatro e do audiovisual galego. O actor padecía un cancro que xa o obrigara a retirarse dos escenarios.

Actor en inumerables obras de teatro, series de televisión e de cine, Xosé Manuel Olveira «Pico» converteuse cos anos nun dos rostros máis coñecidos do sector escénicos e audiovisual en Galicia. Protagonista de obras tan diversas como a adaptación de Doentes de Roberto Vidal Bolaño que dirixiu Gustavo Balza, ou o Ricardo III do Centro Dramático Galego, foi tamén actor en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Pratos Combinados. O actor padeceu nos últimos anos un cancro que o obrigou a retirarse do traballo e a rexeitar algúns dos traballos máis recentes que lle foron ofrecidos. Ocupou entre 2009 e 2011 o cargo de presidente da Academia do Audiovisual Galego. Recolleu premios como o María Casares ou o varios Mestre Mateo. Precisamente algúns membros do audiovisual galego tiveron un recordo para o actor na última edición destes galardóns.

Unha longa traxectoria en teatro, cine e televisión

Xosé Manuel Olveira deixa tras de sí unha longa traxectoria en cine, teatro e televisión. Entrou nos fogares de miles de galegos en 1998, da man de Don Amancio, o párroco do famoso Portozás, en Mareas Vivas. Anos despois, acompañou a Ernesto Chao como o avogado Pedro Barreiro, nas mil e unha aventuras de Miro Pereira na serie Pratos Combinados. Neste papel, fixo de pai de María Castro e Cristina Castaño, as dúas actrices que deron vida a súa filla na ficción.

Tamén interpretou o Bispo en Padre Casares. Un dos seus últimos papeis foi na serie Matalobos, onde daba vida a un xuíz.Pero Xosé Manuel Olveira tamén tivo pequenos papeis episódicos en series de éxito como Hospital Central ou Cuéntame cómo pasó.

No cine debutou da man de Chano Piñeiro en Eu, o tolo, que contaría máis tarde con el para a súa película máis importante, Sempre Xonxa. Despois de esta longametraxe virían outras nas que tivo papeis secundarios como El rey del Río, de Manuel Gutierrez Aragón, El pianista, de Mario Gas, A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, Cuando vuelvas a mi lado, de Gracia Querejeta, Entre bateas, de Jorge Coira, Mar adentro, de Alejandro Amenábar, La noche que dejó de llover, de Alfonso Zarauza, Celda 211,de Daniel Monzón, Retornos,de Luis Avilés, 18 Comidas, de Jorge Coira ou Doentes, de Gustavo Balza, entre outros títulos. Un dos seus últimos papeis foi na película Somos gente honrada.

Conmoción en Twitter pola súa morte

As redes sociais coma Twitter convertéronse no lugar no que moitos seguidores e compañeiros de profesión expresaron as súas condolencias por la morte de Xosé Manuel Olveira «Pico».

Monti Castiñeiras escribía «Tristura inmensa polo pasamento do noso compañeiro X. M. Olveira "Pico". As miñas condolencias á familia e achegados. Ata sempre, amigo Pico. Xa estás subido ao estaribel da eternidade!». Pola súa parte Xosé A. Touriñán, un dos humoristas de Mucha e Nucha tamén se sumou as condolencias: « Unha aperta e moita forza para a familia de X M Olveira. Foise un dos grandes.» «Quedei pampa pola nova do pasamento de Pico. O Audiovisual galego e non galego perde unha xoia. Síntoo moito. Moito», escribía a presentadora Nieves Rodríguez. A actriz Ledicia Sola tamén se sumaba a dor por la morte de Pico «Tremendamente desgustada, foise un grande e admirado compañeiro e amigo. Xose Manuel Olveira 'Pico' descansa. Forza a familia #SenPalabras». Cristina Castaño tamén mostrou o seu pesar polo pasamento do actor: «Me acabo d enterar q ha muerto X.M Olveira, mi padre en pratos combinados. Gran actor gallego, pro sobre todo gran compañero. Dscansa en paz».