Xabier López gaña cunha novela de novelas o Xerais dos 30 anos

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Antonio Fraga debuta na literatura ao facerse co premio Merlín

09 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha novela que garda outras novelas e unha historia que non disimula a súa condición son os dous textos que onte saíron da Illa de San Simón como gañadores da trixésima edición dos premios Xerais.

A primeira, Cadeas, coloca de volta na primeira liña da literatura galega a Xabier López López cunha novela que, a dicir do xurado, «é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar». Cadeas comeza cun escritor que tropeza nunha praia cunha muller lendo unha novela súa. Para o xurado a novela responde a un autor «capaz enredarnos a través de diversos xogos textuais, que a maiores queren evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita. O propio escritor protagonista pon en cuestión a súa novela».

O castañeiro en abril é o título da obra gañadora do premio Merlín e para o seu autor, Antonio Fraga Allegue, este será o seu primeiro libro publicado. O xurado salientou que nesta novela «estaban reunidas todas as virtudes que se poden esperar dun libro para rapaces: lela dunha volta, atraída polo interese da súa trama; estar magnificamente escrita; e ser inesquecible porque os seus personaxes quedan aboiando no seu maxín, querendo vivir alí por moito tempo». É a historia dun rapaz cego que vive sometido a dúas tías xemelgas. O xurado salientou tamén a empatía que o personaxe principal, Baltasar, ten para os lectores.

Xabier DoCampo actuou de mantedor do acto e animou aos rapaces e rapazas a «facer da lectura un acto de rebeldía», «procurando unha nova luz no túnel escuro do futuro».