Xabier López López (Bergondo, 1974) é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. Veciño de Betanzos, na actualidade dedícase profesionalmente á escritura, con especial atención á narrativa. Deuse a coñecer en 1997 coa obra xuvenil Biff, Bang, pow!, á que seguiu a novela Doutor Deus (1999), publicadas as dúas por Sotelo Blanco edicións. Coa novela O caderno (2001), Xabier López López obtivo o Premio Risco de Literatura Fantástica; con O mono no espello (2002) o Premio Lueiro Rey de novela curta e con A vida que nos mata (2003) o Premio García Barros e o Premio da Crítica, novela publicada pola editorial Galaxia, na que tamén aparecerían A estraña estrela (2003), Trinta e dous dentes (2007) e Os libros prestados (2010), publicada recentemente en castelán. Para o público infantil e xuvenil publicou A vella quenlla perde os dentes (2005), Cando Artur non era rei (2012) e Son un can! (2013). A esta altura agarda a aparición da novela para público infantil e xuvenil O segredo da vella libraría pola editorial Everest e da titulada 1989 por Biblos Clube de Lectores.