Publican a primeira edición de Cantares Gallegos en inglés

Camilo Franco SANTIAGO DE COMPOSTELA

CULTURA

Small Station e a Xunta de Galicia acaban de publicar a primeira edición de Cantares Gallegos en inglés. Galician songs é o titulo que poderán encontrar os lectores ingleses, con tradución de Eirín Moure

05 sep 2016 . Actualizado a las 18:29 h.

«Era hora», asegurou Jonathan Dunne. 150 anos despois da súa primeira publicación, 128 despois da morte da súa autora, despois de antoloxías varias e de conmemoracións aínda máis variadas, chega a primeira edición en inglés de Cantares gallegos. Unha edición presentada onte polo responsable de Small Station, Jonathan Dunne, e pola Secretaría Xeral de Cultura. O editor inglés de Rosalía de Castro insistiu en que «era hora que houbese a tradución deste libro» antes de asegurar que ten intención de editar traducións dos outros dous poemarios fundamentais da escritora: Follas novas e En las orillas del Sar. Galician songs é o título da versión inglesa do volume do que este ano se celebra o sesquicentenario da súa edición, una tradución realizada pola poeta canadiana de orixe galega Erin Moure. En palabras de Dunne e máis do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, Moure é «a persoa máis indicada para esta tradución porque tamén é, como foi Rosalía no seu tempo, unha escritora na vangarda da poesía». O editor inglés lembrou a presenza de Rosalía de Castro na súa lingua, unha lingua que, asegurou, «ademais de abrir a porta aos lectores ingleses, é tamén unha posibilidade para dar a coñecer a Rosalía a lectores doutros idiomas que tamén pode ler en inglés». Dunne explicou que a presenza de Rosalía en inglés foi escasa ao longo do tempo desde que en 1964 se publicara o primeiro libro que desde o galego chegaba a esoutro idioma: precisamente unha escolma de poemas da escritora realizada por Xosé Filgueira Valverde. Desde entón déronse a coñecer en lingua inglesa outras tres escolmas de desigual intención, pero Dunne considera fundamental que un lector en inglés poida acceder a un libro tan importante. A edición que ofrece Small Station está baseada na de 1872, realizada en vida da escritora, incluíndo os dous poemas que se sumaron en 1909. Anxo Angueira sinalou que a vocación da literatura galega «foi sempre estar en diálogo directo con outras literaturas». No mesmo sentido falou Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, quen apuntou que este libro é un paso máis no «ronsel de diálogo en dúas direccións que a literatura galega está mantendo con outras literaturas desde as traducións ou desde o Portal da literatura galega».