A man que definiu a Rosalía

CAMILO FRANCO SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Descubren ao autor da imaxe máis popular da escritora: pintouna Antonio Portela en 1902

26 may 2013 . Actualizado a las 15:52 h.

Das estatuas aos billetes de 500 pesetas. A imaxe máis coñecida de Rosalía de Castro, a máis utilizada ao longo do século XX carecía de autor recoñecido ata agora. Esa imaxe forma parte da exposición No principio foi o verso que se pode ver na Fundación Barrié, en Vigo.

O retrato de Rosalía que Antonio Portela Paradela pintou en 1902 acabou por converterse na referencia fundamental da iconografía da poeta. Ese debuxo ao carbón acabou como portada de libros, ilustración de revistas e como guía para as numerosas estatuas que Galicia e a súa emigración lle ergueron á escritora, incluída a da Ferradura de Santiago.

O retrato permanecía anónimo ata que o deseñador Lois Rodríguez comezou a traballar nas imaxes que existían do mesmo e descubriu a firma do autor sobre o ombreiro dereito da figura. A descuberta da firma permitiulle reconstruír a historia dun retrato do que non aparece o orixinal, probablemente entregado ao Centro Gallego de Madrid, pero do que esta institución descoñece o seu paradeiro, tal como explicaron responsables da mesma ao deseñador. O retrato de Portela foi fotografiado nunha placa por Mariano Moreno anos despois de ser pintado por quen era nesa altura un fotógrafo de éxito en Madrid e que traballou tanto para a Casa Real como para Emilia Pardo Bazán.

Antonio Portela coñecía o retrato de Rosalía realizado por Luis Sellier, posto que a súa carreira como fotógrafo comezou xustamente no estudo que os irmáns Sellier tiñan na Coruña. Segundo o estudo realizado por Lois Rodríguez, que se pode consultar na web da Fundación Rosalía (www.rosaliadecastro.org/retrato-portela), «Portela baséase na fotografía de Sellier pero, sen faltar á realidade, introduce uns cambios que fan variar o carácter do retrato».

Sinala Rodríguez que a Rosalía de Portela ten unha «actitude máis firme, máis serena». Tamén apunta a importancia do cambio da vestimenta que introduce o debuxante «para asociala máis a unha estampa de poeta romántica». «A Rosalía que Portela traza é máis enérxica e menos melancólica» apunta o deseñador, que considera que este foi un cambio «consciente por parte do debuxante» para que o retrato da poeta fose «consecuente co que era xa Rosalía naquela altura tanto para Galicia como para as comunidades galegas do exterior».

O retrato rosaliano de Portetivo amplia utilización: as obras completas publicadas por Aguilar en 1944, onde se reproducía sen citar autoría; foi utilizado como base para o selo de seis pesetas que se lanzou en 1968. Tamén chegou esa mesma imaxe á portada do disco que Amancio Prada dedicou a musicar poemas da escritora en 1975 e que tivo un grandísimo éxito. Catro anos despois, esa mesma poeta, ataviada igual, protagonizaba o billete de 500 pesetas.