O legado de Pérez-Barreiro, no libro «Amada Libertad»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

25 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Teresa Barro falaba na tardiña de onte na Real Academia Galega: «Estas memorias naceron como resultado de moitas conversas con moitos amigos galegos». Así presentaba o libro Amada Libertad (Xerais), «a biografía vital e intelectual dun cabaleiro galego», apuntara o editor Manuel Bragado, falando de Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010).

O silencio dun salón de actos con moita xente pareceu medrar cando empezou a falar a viúva do que fora xornalista da BBC e tradutor. Como apuntara o presidente da RAG, Alonso Montero, ela é «quen mellor coñece por dentro o libro». Así o demostrou cando foi contando como o primeiro tradutor do chinés ao galego empezara a escribir as súas memorias, «pero a Fernando non lle gustaba escribir, atrapallábase». En cambio «ditando era fabuloso, o que lle gustaba era falar». Confesaba Teresa: «A min góstame escribir». E así, empurrados por Camiño Noia e Xulián Moure, a finais de 2007 «tódalas tardes el falaba e eu escribía». Así saíron unhas memorias que Alonso Montero calificou de extraordinarios capítulos, como o da infancia «e o que titula Viveiro». Bragado salientou tamén a visión sobre a emigración dun home que marchou para Londres en 1963 e tamén sobre a transición e ata sobre temas que están de actualidade, como a educación.

Teresa Barro lamentou que non puidera rematar as memorias, «que nin siquera volveu a ler», e lembrou que lle facía «ilusión seguir o capítulo da poesía que quedou empezado, era o que máis lle importaba e tiña un xuízo rigoroso sobre a poesía». A viúva de quen tivo de compañeiro na BBC a Eduardo Punset (lembrou Bragado) dixo que Fernando interpretou «a partitura do mundo visto desde un intelectual e poeta». Por iso cualificou de poéticas estas memorias que ela completou co capítulo A vida xuntos.