De Corfú á gloria

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A DOS BANDAS

CULTURA

24 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Corfú é unha illa chea de belezas varias, cuns sorprendentes oliveirais sombrizos onde as oliveiras parecen xigantes. É doado atopar alí xente que fale italiano, abundan as lembranzas do poder de Venecia e asusta a proximidade de Albania, a onde se pode ir a nado.

De Corfú era un matrimonio xudeu de apelido italiano que se trasladou á grande cidade culta de Exipto, Alexandría. Nela naceu Guiseppe Mustacchi. Coa familia viñeron os idiomas italiano e o grego; da rúa veulle ao rapaz o árabe. Da escola, o francés. Co tempo faría versos ou os cantaría tamén en catalán, castelán, portugués e inglés: un fenómeno de multiglosia ao que cómpre engadir a súa habilidade con varios instrumentos musicais.

Non o coñecemos co nome que lle deron os pais e o apelido italiano senón como Georges Moustaki, polo que o supuñamos francés de apelido grego. Cando andabamos nas batallas de fins dos sesenta, Moustaki chegou ao máximo do impulso emocional cunha canción que falaba dun estranxeiro, Le Métèque. Converteuse nun ídolo da esquerda, co cabelo e as barbas ao desleixo incitaba á revolución permanente. Dicían que era trotskista.

Despois, cando nos interesamos pola canción nacional dos franceses, soubemos que o tal Moustaki era o autor dunha canción tenra de Édith Piaf, Milord, que conta a envexa dunha «rapaza do porto» ao ver un lord paseando cunha damiña linda da súa caste.

Daquela, cando Georges Brassens, verso e guitarra, nos divertía coa súa retranca irreverente, aprendemos que o tal Giuseppe Mustacchi dos múltiples idiomas mediterráneos admiraba tanto ao cantoautor francés que acabou por mudar o nome e escoller Georges para a música. En certa maneira, o alumno leváranos ao mestre...

Onte partiu para o País sen Retorno o representante dos estranxeiros que tentan facerse universais na patria doutros. Francia deulle azos universalistas a Giuseppe Mustachhi como a tantos artistas. Gloria haxan o exipcio orixinario de Corfú e a república que enxalza todos os métèques talentosos que a ela se acollen.