A necesidade de reinventar unha data sorprendentemente descafeinada

CULTURA

19 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Foi o deste ano un estraño Día das Letras. Cando aínda estabamos ocupados en recuperar os restos que a tempestade vivida na Academia Galega deixara na ribeira, chegou un 17 de maio sorprendentemente descafeinado. Sorprendente, sobre todo, porque está a renderse homenaxe a un autor atractivo, heterodoxo, irreverente e combativo como poucos desde aquel 1963 no que Paco del Riego se inventou a gran festa da literatura galega.

Pensábase que Roberto Vidal Bolaño tería un 17 de maio semellante ao que protagonizara no 2011 o poeta Lois Pereiro, que pola súa proximidade temporal e a súa presenza na cultura urbana da Galicia recente achegou o Día das Letras a sectores e xentes que nunca ata entón estiveran interesados na conmemoración. Pero non houbo tal festa arredor de RVB. A súa viúva, Belén Quintáns, sinalou nunha entrevista clara e dura nestas páxinas dous aspectos que talvez teñan sido decisivos á hora de restar peso á data: a falta de profundidade en certas aproximacións á obra de Vidal Bolaño e a escasa implicación nos festexos da profesión teatral galega, que podería ter aproveitado este 17 de maio para reivindicarse a si mesma arredor dun autor decisivo na biografía das artes escénicas en Galicia.

Non axudou, é certo, o terrible momento polo que pasa aquí o teatro, á espera dunha solución estable a uns circuítos afogados. Nin as dificultades polas que atravesa o sector editorial, que moi lonxe do habitual aluvión de novidades este ano non acadou a ducia de títulos específicos sobre RVB, un autor que seguramente medrará no canon das nosas letras cando Edicións Positivas remate a publicación da súa Obra Completa (para catar o seu indiscutible talento literario basta ler as acoutacións reunidas na antoloxía publicada este 17 de maio por La Voz, onde se comproba que Vidal Bolaño é un extraordinario creador de atmosferas).

Haberá pois que reflexionar sobre a necesidade de reinventar esta festa e lograr que a sociedade civil a faga de novo súa, viva e reivindicativa, lonxe das previsibles e ríxidas cerimonias institucionais.