Día das letras galegas, asignaturas pendentes

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Actividades e argumentos sobre RVB para despois do Día das Letras

22 jun 2014 . Actualizado a las 15:30 h.

Pasou o día, pasou a romaría. O 17 de maio padece esta sentenza desde moitos anos antes de que a Real Academia Galega escollese a Roberto Vidal Bolaño para protagonizar o Día das Letras Galegas do 2013. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, asegurou que este ano «o teatro permitiría demostrar que hai máis romaría despois do día» aínda que os profesionais do teatro que se manifestaban as portas do Salón Teatro no acto institucional da Xunta en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño non pensan o mesmo.

Máis Teatro

Estreas. Ademais das catro producións que xiran por Galicia nestes días -estreas unhas, reposicións outras-, o Centro Dramático Galego ten previsto estrear a quinta montaxe relacionada con Roberto Vidal Bolaño. O Touporroutou da lúa e do sol será unha coprodución con Teatro do Noroeste e a participación de alumnos da ESAD galega. Tamén está prevista a representación de Doentes nas mesmas rúas de Compostela nas que o autor imaxinou a historia.

Reivindicacións

As solucións do sector. Mentres Belén Quintáns, a viúva e cofundadora de Teatro do Aquí, lamentaba que o sector escénico galego non fose máis activo na reivindicación de RVB como propio, a profesión escénica galega vive, en palabras do actor Antonio Durán Morris, «unha situación moi complicada, a peor dos últimos anos, completamente abandonado cando non ignorado». Para a directora de Sarabela e ex directora do Centro Dramático Galego, Ánxeles Cuña, o protagonismo de Roberto Vidal Bolaño permite visibilizar o teatro, pero tamén o seus problemas. A directora asegurou en Ourense, nun acto sobre RVB, que «os problemas que tiña o teatro en Galicia hai trinta anos e os que temos agora son practicamente os mesmos». Esta circunstancia debería levar, segundo Cuña, «a aproveitar o que queda deste ano dedicado a Roberto a reflexionar sobre esta situación».

Unha lectura profunda

Distanciarse dos tópicos. Belén Quintáns pediu unha lectura que non quede na superficie dos tópicos ou que sobarde a imaxe tan repetida do home do nariz de pallaso. Compañeiros de grupo Abrente, como Camilo Valdehorras, apuntan nesa dirección para pedir unha lectura máis en profundidade: «Vidal Bolaño non era un pallaso de entreter, Roberto non era Fofó, aproveitou o nariz para ser un bufón que dicía as verdades». Valdehorras recordou que cando se fala de Roberto Vidal «non se poden esquecer os seus postulados políticos nin o seu anticapitalismo». Morris lembrou tamén que ademais das obras «hai que ler as actitudes e entre elas unha fundamental foi a da defensa do teatro galego, mesmo a veces enfrontándose á profesión».

Talento de escritor

Recoñecer a valía literaria. Para a segunda parte deste ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño está pendente no literario a edición de catro dos seis volumes da Obra Completa que está a publicar Edicións Positivas. O seu editor e biógrafo de RVB, Xosé Manuel Fernández Castro, apuntou que, «ademais de recoñecerlle a súa valía teatral como home escénico, como director, actor, ou mesmo como dramaturgo, é necesario que se recoñeza tamén o talento literario, que se recoñeza a Vidal Bolaño como un dos grandes escritores galegos, independentemente do xénero». Falta tamén, segundo o seu editor, Francisco Macías, unha revisión máis ampla da estreita relación de Bolaño co sector audiovisual porque «parece que foi unha actividade secundaria, pero foi unha actividade constante na que non lle deixaron participar máis».