Belén Quintáns: «Hai un esforzo por crear unha nebulosa e deixar a Bolaño na superficie»

Camilo Franco LA VOZ / SANTIAGO

CULTURA

Álvaro Ballesteros

A viúva do escritor lamenta que o sector escénico non estea aproveitando mellor as celebracións arredor do Día das Letras Galegas para reivindicar ao dramaturgo como propio

17 may 2013 . Actualizado a las 15:58 h.

Belén Quintáns fundou Teatro do Aquí con Roberto Vidal Bolaño, tivo dous fillos con el, asumiu o traballo menos artístico da compañía e pasa o 2013 nesa media distancia da necesidade da homenaxe e o peso de toda esa lembranza no persoal.

-¿Como vive a celebración do Día das Letras Galegas?

-Desde o persoal é moi emocionante, para min e para toda a familia, é unha alegría inmensa comprobar a admiración da xente por Roberto. No emocional tamén é duro porque todas as cousas que se fan evidencian moito, moito, a súa ausencia. Ata esta semana, na que se multiplica todo, creo que conseguín levalo máis profesionalmente. Agora, cos actos máis importantes e estando máis cerca da familia, emocionalmente é máis complicado.

-Desde o punto de vista profesional, ¿como está quedando a figura de Vidal Bolaño?

-Por un lado, é moi positiva a presenza e a divulgación. Descubrir que a imaxe, o nome e a obra chega a lugares máis distantes do país. É moi positivo o traballo dos centros de ensino (vídeos, debuxos...), como traballa o profesorado e o esforzo que fai nun momento tan delicado para trasladar a figura de Roberto, que tampouco me parece fácil. Me parece unha pena que non se estea aproveitando este ano para profundizar na figura de Vidal Bolaño, para que certa información chegue incluso a onde non se coñeza. Creo que hai un esforzo por crear unha especie de nebulosa e deixar todo na superficie sobre Bolaño e toda a xente que antes tiña catro datos sobre el unha vez que pasen as celebracións sigan tendo os mesmos catro datos e, ademais, un barullo de datos mal organizados.

-¿A que atribúe esa circunstancia? ¿Á dispersión propia da celebración ou a unha intencionalidade dirixida?

-É unha mestura de ambas cousas. A natureza da celebración tal como está alimenta que haxa esa dispersión. Pero no caso concreto de Roberto creo que hai cousas que teñen que ser intencionadas. Case ninguén dos próximos, dos que traballaron con el, dos que o acompañaron, incluso desde o desacordo, está tendo ningún papel. De feito, non están tendo papel os profesionais do teatro galego que puxeron a andar o teatro en este país. Tampouco ten cancha a xente do teatro que pasou e traballou con el toda a vida, que compartiu as peripecias todas. Non entendo que xente como Mónica Camaño, Rubén Ruibal, Xulio Lago, Xoán Carlos Mexuto ou Eduardo Alonso non teñan presenza nas celebracións. Tampouco entendo a distancia dos colectivos profesionais do teatro das actividades do Día as Letras Galegas. Eu pediría que se invitase a todo o Teatro do Aquí, por exemplo, a falar de Roberto. E desde aí a todos os que traballaron con el. Sen botar moitas contas igual son 150 profesionais os que tiveron unha relación moi directa con el.

-¿Como interpreta esta circunstancia?

-É certo que o teatro galego está nun momento delicado, reivindicativo e incómodo. Creo que isto ten algo que ver con esa ausencia. Tamén é certo que os profesionais do teatro galego tampouco son inocentes de todo en todo isto. Porque esas mesmas iniciativas as poderían ter eles e non as están tendo. Penso que a primeira vez que un profesional do teatro galego ten este recoñecemento as asociacións profesionais, actores ou compañías, deberían aproveitar esa visibilidade do teatro e reivindicar a Vidal Bolaño como propio, que o é. Creo que a profesión debería tomar a iniciativa para dar a súa visión sobre quen foi o seu compañeiro. É algo que non deixa de sorprenderme. Que desde a profesión non haxa homenaxes ou charlas ou congresos que conten a opinión ou a relación que tiveron con Roberto.

-¿Cales cres que son os aspectos de RVB que están pasando máis desapercibidos?

-Hai unha cousa que non se está contando e creo que é fundamental para entender a súa figura. Entendo que hai que parcelar as súas actividades para ir coñecendo a súa obra, pero creo que non se está contando que todo en el, todo o que fixo, está relacionado e non se poden despegar unhas partes de outras. Non se poden apartar dos textos dos espectáculos nin da realidade social do momento, nin das condicións económicas, nin das laborais nin das políticas teatrais de cada momento. Quizais poderiamos pensar que se está quedando todo no filolóxico, pero eu non diría que é así. Creo que estamos quedando no divulgativo, e creo que é imprescindible facelo, pero tamén penso que habería que ir a máis. Creo que un traballo por facer é vencellar uns cometidos e outros. Unha imaxe de conxunto.

-¿Que lle debe o teatro galego a Vidal Bolaño e que lle debe Bolaño ao teatro galego?

-Vidal Bolaño abriu moitas portas para o teatro galego que despois lle rebentaron na cara. Houbo outra xente que colaborou porque o teatro é traballo colectivo e Roberto só non podería facelo. Pero si que creo que abriu portas. De todas formas creo que hai un teatro galego que só Vidal Bolaño tiña cabeza e que aínda está por facer. O auténtico teatro galego, concibido desde o país, para o país, sen complexos e sen présa. Non sei como dicir o que Bolaño lle debe ao teatro galego, pero o que foi Roberto Vidal Bolaño tampouco sería posible sen o teatro galego. Ningún dos seus proxectos tería sido posible, nin para el serían viables no teatro madrileño.

-¿Ademais da canonización de RVB, que cre que vai quedar da súa obra cando pase a celebración?

-Cada vez teño máis claro que non vai quedar nada. De feito, unha das cousas que me doen é a sensación que teño de que, salvo individualidades moi concretas, o teatro galego non considera que Vidal Bolaño sexa cousa deles. Non o reivindican. Non parecen querelo. Se eu tivese que convocar unha manifestación pola política teatral utilizaría a Vidal Bolaño como reclamo e non sentiría que a estaba manipulando, senón todo o contrario. El foi un abandeirado en todo isto, pero creo que non o consideran así. Nos dez anos desque morreu, a súa obra foi representada moi escasamente e case diría que de xeito simbólico.

-Ao longo da súa vida, RVB foi tendo distintos conflitos, coas autoridades, cos compañeiros de profesión. ¿Aínda pesan esas liortas cando se fala del?

-Os conflitos foron diferentes segundo as épocas e segundo contra que foron pesáronlle de xeito diferente. Pero hai que dicir que todos eses conflitos levounos con el ata o final. Pesáronlle moito. Pero habería que distinguir dous tipos de problemas. Os que tivo cos compañeiros de profesións, os conflitos nos que se enfrontou ao sector foron os que lle pesaron de verdade e os que tivo presente ao longo de toda a súa vida. As liortas coas autoridades, as motivadas polas opinións políticas ou aquelas das broncas que había pola política teatral, esas aceptounas sempre como unha parte do seu oficio. Entendía que para ter un teatro como el quería había que dar algunhas batallas e aceptar algúns problemas. Eran para el como unha parte máis do oficio.

-¿Haberá músculo en Galicia para representar no futuro a Vidal Bolaño como o clásico que xa é?

-A min encantaríame que si, e a xente que traballa comigo tamén querería que pasase iso. Sería importante que cada ano se producise un Vidal Bolaño e se puidese ser Teatro do Aquí sería marabilloso. Pero creo que non vai ser posible porque incluso dentro deste ano de homenaxes está moi complicada a programación e non vexo moitas posibilidades de que se queira programar a Bolaño.