La Voz presenta na Academia o seu libro sobre Roberto Vidal Bolaño

O acto destacou a vocación do escritor de ser espello da súa sociedade

La Voz

La Voz de Galicia presentou onte o libro co que tradicionalmente se suma á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Trátase dunha iniciativa que ten por obxectivo, tal e como explicou no acto o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, «homenaxear á figura senlleira que elixiu a Real Academia Galega cun volume dirixido ao gran público para que festexe o ben máis prezado de Galicia, a súa lingua e as súas letras».

A presentación celebrouse, como en anos anteriores, na sede da Academia, unha entidade cuxos vencellos con La Voz datan mesmo de antes do seu nacemento en 1906, vinculación que se reforzaría anos despois coa chegada de Santiago Rey Fernández-Latorre á fronte da empresa. Nesta boa sintonía enmárcase a colección Letras Galegas, á que pertence o libro sobre Vidal Bolaño, ou as colaboracións semanais no xornal do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, no ronsel de predecesores seus no cargo como Domingo García-Sabell ou Francisco Fernández del Riego.

Alonso Montero, para quen o de onte foi o seu primeiro acto público como presidente na sede da Academia, relacionou a colección coa «mítica» Biblioteca Gallega, posta en marcha polo entón presidente da RAG, o «sabio e erudito» Andrés Martínez Salazar, xunto co fundador de La Voz, Juan Fernández Latorre, «unha das plumas ilustres máis incisivas e cuestionadoras da Galicia do século XIX».

Historia cultural de Galicia

Avanzou Alonso Montero que a relación entre o xornal e a Academia seguirá sendo frutífera e tamén se amosou seguro de que a colección Letras Galegas continuará no tempo e que «dentro de corenta ou cincuenta anos será necesario empregar estes volumes para estudar a historia cultural de Galicia e a súa lingua». Unha fala e unha historia que, segundo Alonso Montero, «está feita por quen a fala e tamén por quen non a fala, pero poden ser persuadidos de facelo».

O presidente da RAG explicou que a institución se sentía honrada de actuar como anfitrioa da presentación dun libro «preparado, organizado e distribuído» por La Voz, e gabou o traballo do antólogo, Camilo Franco, a quen definiu como «o gran intérprete de Vidal Bolaño».

Pola súa banda, Camilo Franco aludiu ao seu traballo como xornalista e crítico teatral para relacionar periodismo e escena, que teñen en común «ser espello da sociedade do seu tempo e depender do espectador», dous obxectivos irrenunciables e dos que, ao seu xuízo, nace a obra de Vidal Bolaño. «El quixo conectar co público maioritario do teatro e ademais trazou un retrato profundo, detallado e amargo da Galicia contemporánea, esa que nace en 1975 e aínda non está claro que destino terá», describiu Franco, quen definiu ao dramaturgo como «concienzudo, perseverante e a contracorrente da sociedade. Tiña moi claro que a especie humana necesita ser entretida».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

La Voz presenta na Academia o seu libro sobre Roberto Vidal Bolaño