Palabras de dramaturgo

redacción / la voz

CULTURA

Os asistentes, no salón de actos da RAG e, á dereita, os académicos Ledo, Franco Grande, Álvarez Blanco, Pozo Garza, Freixanes e Villares
Os asistentes, no salón de actos da RAG e, á dereita, os académicos Ledo, Franco Grande, Álvarez Blanco, Pozo Garza, Freixanes e Villares

A cultura galega reúnese na RAG pola presentación do libro de La Voz

16 may 2013 . Actualizado a las 10:38 h.

Roberto Vidal Bolaño e o Día das Letras Galegas serviu, entre un millón de cousas máis, para que o novo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, se estrease en acto público na sede da RAG.

Baixo a convocatoria da palabra de Roberto Vidal Bolaño, que foi interpretada pola actriz Mónica Camaño, o salón de actos da Academia Galega concentrou a unha grande parte dos representantes políticos, sociais e culturais galegos que asistiron na coruñesa rúa Tabernas á presentación do volume co que La Voz conmemora a celebración do Día das Letras Galegas e que chegará aos quioscos mañá, venres, e que se poderá adquirir por un euro máis o prezo do xornal.

Foi Alonso Montero quen lembrou na súa intervención ese detalle de que na súa benvida estaba implícito o protocolario deber de estrearse nese espazo central da casa de Emilia Pardo Bazán, aínda que atribuíu a verdadeira presidencia do acto ao editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, sentado ao seu lado na mesa.

Asistiron á cita os académicos Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Víctor Freixanes, Xosé Luís Franco Grande, Luz Pozo, e Ramón Villares, compartindo celebración con representantes institucionais como o delegado do goberno en Galicia, Samuel Juárez; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto; e Carmen Colmeiro, presidenta de Cruz Vermella Galicia.

Mónica Camaño leu fragmentos de acoutacións e diálogos que forman parte da antoloxía publicada por La Voz. A actriz, que traballou con Teatro do Aquí en varias das producións de Vidal Bolaño, formou parte da ampla representación da vida cultural galega que participou na presentación, entre a que figuraban editores como Alfonso García Sanmartín, de editorial Rodeira; Tucho Calvo, de Biblos; e Francisco Rodríguez Iglesias, de Hércules; ademais do presidente do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar.

Tamén se atopaban nesta cita da sociedade civil galega o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, e o oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio, ademais de colaboradores do xornal, como Lourenzo Fernández Prieto, Uxío Labarta, José Luis Meilán Gil, Manuel Fernández Blanco, Eduardo Riestra, Domingo Bello Janeiro ou Jaime Concheiro. No salón de actos tamén asistiron á presentación alumnos do colexio coruñés Grande Obra de Atocha.

Mentres Mónica Camaño comezaba a lembrar Doentes, o presidente da Academia Galega tivo un pequeno incidente co seu teléfono móbil, que non paraba de soar. Pero foi despois, con Alonso Montero no uso da palabra, cando o teléfono insistiu en lembrar a súa presenza no peto do profesor. O presidente pediu un «alma caritativa» que o apagase e o aparello, que ben se viu que non era un teléfono intelixente, acabou na bancada na que sentaban os membros da Academia. O presidente recuperou o aparello no ágape celebrado trala presentación do volume que os lectores poderán ler mañá con La Voz.