Mónica Camaño: «Agora que o teatro está abandonado enténdese mellor a Bolaño»

C. F. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

14 may 2013 . Actualizado a las 10:32 h.

Cando Roberto Vidal Bolaño decidiu meterse na pel dun xefe de tribo nas antípodas galegas en Os Pappalagui, tivo como compañeira de escenario a Mónica Camaño, a mesma actriz que fiscaliza en Matalobos.

-¿Como foi o traballo con Vidal Bilaño no escenario?

-Daba moita seguridade. Tiña unha presenza moi grande e transmitía aos que compartimos escenario con el unha seguridade que axudaba moito para actuar.

-Vostede traballou como actriz en Teatro do Aquí, tendo a Bolaño como director. ¿Como lembra esa experiencia?

-Era un director esixente e sabía o que quería. Tamén sabía o que podía esperar de cada quen. Cando non o coñecías quizais asustaba un pouco, pero era moi claro e creo que tamén era moi xeneroso. Pero era moi director falando. Lembro que unha vez díxolle a un actor que non estaba facendo o que se esperaba del que a culpa non era do actor, que era del por terse equivocado ao facer o reparto e que nunca debeu contratalo. Era así de claro. Actuar así non esperta simpatías. Pero na miña experiencia con el, e creo que na de outras actrices e actores, está tamén que era un director xeneroso que ensinaba moitas cousas, que axudaba moito aos actores. El quería conseguir uns determinados resultados, pero aínda sendo autor dos textos, non lle importaba en absoluto cambiar para adaptarse ás características dos actores.