A Fundación Otero Pedrayo premia á música Cristina Pato

O Trasalba 2013 recoñece a proxección internacional da artista


Ourense / La Voz

A gaiteira Cristina Pato (Ourense, 1980) foi pioneira en moitos aspectos ao longo da súa vida. E dende onte suma aos seus recoñecementos o de ser a persoa máis nova á que se lle concede o Premio Trasalba, unha distinción creada en 1983 pola Fundación Otero Pedrayo, que ten carácter honorífico e que foi promovida no seu día para «agasallar unha persoa ou institución que se teña salientado en defensa e espallamento da lingua e da cultura galega».

Logo de valorar distintas candidaturas, a Fundación Otero Pedrayo decidiu conceder o Premio Trasalba 2013 a Cristina Pato, salientando «os valores da intérprete galega e considerando, moi especialmente, a súa proxección internacional, a súa condición de representante dunha nova xeración de artistas comprometidos coa difusión da cultura galega polo mundo e a calidade obxectiva da súa actividade artística e profesional».

Dende a fundación valorouse nesta nova edición, a trinta e unha do galardón, a necesidade «de incorporar novos rostros, novas linguaxes, novas maneiras de facer, na liña da universalización da nosa cultura, dentro e fóra de nós, no espírito de ?universalidade? que caracterizou aos homes da Xeración Nós e, máis concretamente, a mentalidade aberta de Otero Pedrayo». Cristina Pato, que vive en Estados Unidos e viaxa con frecuencia a Galicia, «leva a cultura e a música galega polo mundo» e tense caracterizado, como lembra a Fundación Otero Pedrayo, por ser «unha das primeiras embaixadoras culturais» galegas. A gaiteira gravou, con só 18 anos, o seu primeiro traballo -Tolemia, 1999- e no 2010 aparecía The Galicia Connection, un proxecto que tivo unha grande proxección internacional. Hai só uns meses presentaba o seu último disco, Migrations, en Nova York. Ten participado en proxectos e concertos por todo o mundo e colaborado en iniciativas con Mutenrohi, Yo-Yo Ma, Silk Road Ensemble, The Chieftains, a Chicago Symphony Orchestra e promove o encontro internacional da Cidade da Cultura. O premio será entregado o 30 de xuño en Trasalba.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

A Fundación Otero Pedrayo premia á música Cristina Pato