As moitas caras dun autor libre

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Libros de e sobre Roberto Vidal Bolaño na librería Couceiro, en Santiago.
Libros de e sobre Roberto Vidal Bolaño na librería Couceiro, en Santiago. mónica ferreirós< / span>

Os diversos estudos sobre Vidal Bolaño prefiren o carácter divulgativo e repasan desde ámbitos diversos as múltiples tarefas do personaxe

14 may 2013 . Actualizado a las 10:31 h.

A imaxe de Roberto Vidal Bolaño vai quedando clara por entre o trebón das Letras Galegas: Un señor con nariz de pallaso e sombreiro. Tampouco é novidade, el xa se definía así. É máis difícil definir a extensión, profundidade e importancia da súa obra e, quizais por iso, cada un dos libros editados ao abeiro da celebración das letras escolle un enfoque particular sobre o traballo de RVB.

Laura Tato escolle a divulgación da extensa obra en Unha vida para o teatro (Toxosoutos). A profesora define a importancia que tivo a xeración Abrente «en crear un sistema teatral que alcanzou a normalidade moito antes que outras expresións culturais». Tato sinala que tanto Bolaño como Manuel Lourenzo foron claves «na refundación do teatro galego e de convertilo nunha actividade habitual para os galegos».

Sector en demolición

Roberto Pascual, director da Mostra de Ribadavia, escolle un enfoque no que se defenden «os moitos oficios que acometeu Bolaño e que son os moitos que hai que practicar para facer teatro». Os oficios do teatro (Xerais) explica «as tarefas profesionais e as artísticas que realizou, pero tamén quere explicar que RVB foi un home de construír teatro agora que o sector está en demolición». Pascual cre que a palabra «dignidade» define moi ben o traballo de Bolaño.

Alfonso Becerra de Becerreá, profesor de dramaturxia na ESAD galega, sinala que a perspectiva que lle interesaba escribir era a lúdica, «a do xogo». O xogo do teatro (Laiovento) aproveita fragmentos da obra de RVB para propoñer xogos. «Escollín os fragmentos que máis me prestaban e os que mellor se dispuñan para propoñer os xogos, por exemplo, collo un texto de As actas escuras e propoño que se faga un xogo case detectivesco». Becerra define a Bolaño como «un autor moi libre, sen poses, que escribía o que quería». A pesar de que os tres autores son docentes, os tres fuxiron de escribir libros académicos ou de utilizar un ton profesoral para as súas aportacións. Roberto Pascual sinala que unha das súas intencións era evitar que o libro «sexa perecedeiro e pase en canto pasen as celebracións do Día das Letras».

Entender o seu tempo

Para Laura Tato, calquera achega que se faga á obra de Vidal Bolaño pasa por entender «o tempo no que viviu e a súa vontade de construír un teatro galego feito desde Galicia pero entendible por todo o mundo».

Alfonso Becerra explica que quizais este ano aínda «non se vexa ben a importancia de RVB porque as cousas que se están facendo teñen moito que ver coa celebración das Letras e non son indicativas do verdadeiro valor que pode ter como clásico».

Montse Penas é a autora de Un chapeu negro e un nariz de pallaso, (Galaxia) un volume que inclúe un documental en DVD de Gonzalo Enríquez Veloso, e que está escrito desde a intención «de explicar a unha moza adolescente que foi e que fixo Vidal Bolaño, desde os elementos esquemáticos ata os trazos principais da súa obra». Penas considera que os estudos sobre RVB arredor do Día das Letras serán «só os primeiros chanzos dunha escaleira moi grande».