
O fillo de Roberto Vidal Bolaño descubre as influencias dun home grande
12 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«Pensaba que un Día das Letras Galegas dedicado a Roberto Vidal Bolaño era de xustiza; pero non cría que sería xa, este ano. Pilloume desprevido». Roi Vidal Ponte (Santiago, 1982), músico, dramaturgo e poeta, púxose a traballar de urxencia nunha biografía que non chegará a tempo para o día 17. Por iso ten valor dobre que así, fóra de hora, conte como se reencontrou outra vez con un tipo grande en sentido literal e en sentido figurado: seu pai.
-Seguro que, escribindo a biografía, atopou cousas de seu pai que nin imaxinaba...
-Descubrín moitas cousas que non sabía eu, pero que tampouco sabía ninguén. Tiven a fortuna de entrevistar á miña avoa, a súa nai, e toda esa información que non sae nos libros é moi valiosa. A min interesábame, como biógrafo e como fillo, toda esa vida persoal anterior a min.
-¿Como era o Roberto neno?
-Chamoume a atención o cedo que comezou a interesarse pola literatura e a arte en xeral. Quería saber como unha persoa nacida no barrio compostelán de Vista Alegre, de familia máis ben pobre, chegara a ser un intelectual, de onde lle nacera o interese. Conseguín algunhas pistas.