Roberto Vidal Bolaño, un autor de palabra

Camilo Franco LA VOZ

CULTURA

O libro que La Voz de Galicia dedica a Vidal Bolaño é unha selección das acoutacións e dos mellores diálogos do autor. O 17 de maio estará nos quioscos xunto co xornal por 1 euro

11 may 2013 . Actualizado a las 13:43 h.

Non estamos afeitos a facer antoloxías de teatro. Non o estamos a este operativo no que quitamos unha parte do texto dunha obra e a sometemos a unha exhibición, quizais violenta, en solitario. Deixamos os fragmentos á súa sorte. Logo, cando reconducimos a ollada do lector noutro sentido, aseguramos que os textos fulcrais son aqueles capaces de resistir en solitario esa exposición pública, a relectura inédita, o cambio de circunstancia. Sometemos os fragmentos a unha torsión impúdica. Pero eles quedan porque, como dicía Mao, o importante do xunco é que recupera a posición cando o vento ou a marea pasan.

Sobre os escritores de teatro hai dous prexuízos constantes, case permanentes. O primeiro deles é que non son exactamente escritores. Que non escriben ben porque non o precisan. Que deben ser máis armadores de historias que escritores. Polo tanto, como ben se nota nas librerías e no mundo da literatura comentada, non se teñen en conta como escritores e non se lles ten en conta o oficio textual.

O segundo prexuízo é paradoxal. Cando un dramaturgo escribe ben ou tenta adobiar o seu discurso textual con ornamentos, son os propios do teatro quen poñen unha marca. Palabrismo é unha cualificación que non sempre se utiliza para ben. É unha recriminación de advertencia para que o autor non se distancie moito desa escrita subordinada ás necesidades do escenario.

Hai autores que se deixan levar nun ou noutro sentido e está Roberto Vidal Bolaño. O manexo da linguaxe dos seus personaxe foi unha das características fundamentais. Cada un deles falaba no que tiña que falar e, aínda con isto, RVB nunca renunciou a escribir bonito. Poderíamos dicir que escolleu cada momento, que xogou case sempre ao contraste e que o seu ouvido de autodidacta atentísimo nunca lle fallou. Pero tamén podería ser orgullo profesional. Ese orgullo de pensar que o sistema cultural coloca sempre por riba dos autores teatrais a poetas e narradores. O orgullo da reivindicación dun oficio que, ademais de utilizar ben as frases, ten que saber colocalas.

O libro que se entregará con La Voz de Galicia o vindeiro 17 de maio quere ser a demostración das trazas estilísticas de Roberto Vidal Bolaño. Pero non só dos rastros escénicos, das grandes liñas argumentais. Da súa preferencia polos personaxes perdedores, da busca de historias nas que hai un orgullo persistente contra a derrota final, ou desa case permanente liña de madurez baseada en que vivimos sempre enfrontados a unha conta que sae sempre a pagar: o que imaxinamos é moito mellor que o que hai. Unha liña que marca sempre o que puído ser e non foi.

Por baixo desas bandas anchas das historias hai unha linguaxe e unha lingua que manexou con habilidade. Roberto Vidal Bolaño foi un autor de palabra. E non lle molestou nin ser palabrista nin cortar os bonitismos cando as escenas se puñan rebeldes. Foi un autor de moito manexar e por iso o libro ofrece dúas maneiras de comportamento do autor. A primeira delas podería ser considerada un subxénero tal como o tratou o escritor. As acoutacións son entendidas habitualmente no teatro como notas que o espectador non chegará a entender agás que se converta en lector. Hai autores que as despachan funcionalmente e hai autores que as obvian. Para Roberto Vidal Bolaño, as acoutacións son unha cuestión de estilo. Están escritas con coidado literario para marcar o ton da peza. Ofrecen unha interpretación literaria, como se foran unha narración que debe situar o ánimo do lector na disposición correcta para a acción inmediata.

A antoloxía que acompañará ao xornal do Día das Letras Galegas reúne unha grande parte das acoutacións das obras de RVB, colocadas en solitario para que poidan ser apreciadas como algo máis que unha ferramenta introdutoria para as historias.

Segundo o escritor vai entrando na madurez, vai aproveitando máis este recurso de xeito que vai cambiando os rexistros ata chegar a esa descricións dos personaxes de Anxeliños!, que en máis dun sentido é unha descrición paródica dunha sociedade organizada sobre os problemas de funcionamento.

A segunda intención desta antoloxía de acoutacións e diálogos é reparar no manexo dos diálogos. Roberto Vidal Bolaño era replicante. Era discutir en persoa e era capaz de facer que os seus personaxes replicasen sentenzas como refráns. Un autor debe ter conta do que os seus personaxes din, pero o sistema de traballo de Bolaño era o de escribir con certa marxe e logo cortar cando chegaba ao escenario. Tamén podía pasar que escribise case a pé de obra ou que cambiase as frases en función do actor que ía facer o papel. En ocasións escribía como un autor que non fose ser representado: longo, grande, con repartos imposibles. Noutras escribía sabendo que máis de tres actores non podería ser.

Os diálogos de Roberto Vidal Bolaño tiñan esa mesma operativa dos boxeadores hábiles e dominadores. Os primeiros golpes están dirixidos a explorar o espazo, os seguintes a colocar ao contrincante e, finalmente, hai unha frase que descarga o golpe definitivo.

Nalgúns casos, como en Cochos, o autor experimentou coas descricións para envolver un monólogo que en realidade non o era. Era unha peza para un só actor e moitas voces. RVB escribe un collage sonoro que reborda á escrita teatral, convertido por veces en relato. Demostrando que todas as palabras, se escriban como se escriban, caben nun escenario.