Roberto Vidal Bolaño, o mestre de «Sempre xonxa»

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

Fotograma da película
Fotograma da película

Vinculado desde novo ao audiovisual galego, o seu papel máis recordado é o de don Xosé Luís para «Sempre Xonxa», a inesquecible película de Chano Piñeiro

17 may 2013 . Actualizado a las 12:39 h.

A progresión pública de Roberto Vidal Bolaño, no marco da cultura galega, realmente comezou co cinema, cando entre 1972 e 1973, formou parte xunto a Euloxio Ruibal e Félix Casado, do cerne do Equipo Lupa, que aspiraba a un cinema en galego desde o formato afeccionado súper-8 mm, daquela o soporte alternativo. Entre os primeiros filmes do Lupa, algúns mesmo receptores de galardóns, saíron títulos como Holocausto, A procesión das mortallas, Berros na cova, Inqueda volta e Peliqueiros, nos que Roberto compartía funcións de produtor, guionista, director e mesmo actor, xunto a Ruibal, alma mater do grupo, con Casado na cámara. Cinéfilo esixente e asiduo das salas e cine-clubs composteláns, centrou a súa actividade posterior na dramaturxia desde os labores de escritor, actor e director, cunha traxectoria abondo celebrada, sen renunciar a puntuais aparicións nas pantallas.

Actor de cinema

No parecer do crítico Eduardo Galán, «Vidal Bolaño era un físico dos chamados de carácter, polo seu aspecto impoñente, e iso condicionou algúns dos seus papeis no cinema...». Sería por iso que Chano Piñeiro creou o carismático mestre don Xosé Luís téndoo sempre en mente para a súa primeira longa, Sempre Xonxa, que comezara a preparar en 1985 e tería a súa estrea oficial en 1989, despois dunha rodaxe épica, na que Vidal Bolaño se implicou a fondo e estreitou amizade con Chano. Despois daquel debut feliz, cun personaxe que era a referencia moral da aldea e ao tempo o salvagarda da Xonxa protagonista, a súa seguinte aventura no cinema sería para Milagros Bará, na curta dramática O resplandor da morte (1991), onde fai dun labrego, pai autoritario, que se lía a tiros con dous graciosos que lle entran na finca.

Con Antonio F. Simón (tamén dramaturgo e amigo, autor de Fendetestas en 1975), traballaría un ano despois na mediametraxe Un café de ollos verdes, de ambiente colonial africano. Regresaría de novo a Simón en 1997, para a súa estrea na longametraxe A noiva de medianoite, sobre un guión inédito que escribiran a catro mans, décadas atrás, o ferrolán José Rubiá Barcia e Luis Buñuel. Vidal Bolaño vestía a Pedro. Dous anos despois, foi parte dos actores galegos escollidos por José Luis Cuerda para A lingua das bolboretas, sobre relatos de Manuel Rivas. Bolaño era o alcalde da aldea que acollía na súa casa ao mozo músico da orquestra. Nese mesmo ano, faría o seu adeus ao cinema coa curta Amor serrano, de Luís Liste, comedia negra na que encarna a un matachín de coitelo e fouce, que esnaquiza ao pretendente da súa filla para botalo aos porcos.

A televisión

A chegada da TVG en 1985 abriría varias frontes creativas para o dramaturgo. Sería en 1987 cando adaptaría a Álvaro Cunqueiro para Novo de Parmuide, mesmo desde a dirección. Aquel episodio piloto, que pretendía abrir unha serie baseada en contos do escritor de Mondoñedo, non tería continuidade. Con produción da compostelá Galaxia Comunicación, máis dun cento de persoas gravaron durante 13 días polas luguesas terras de Lindín, Lourenzá e Mondoñedo, para servir os 56 minutos que facían xustiza ao universo cunqueirán. Seguindo a cronoloxía, en 1991 poríase ás ordes de Antonio F. Simón para un pequeno papel no piloto dunha sitcom nunca continuada, Memorias dun parado.

Vidal Bolaño sería tamén un peculiar presentador-peregrino na serie O Camiño de Santiago para o Xacobeo 93, dirixida por Alexandre Cribeiro con guión de Alfredo Conde e varios realizadores. Un mundo de historias, do ano 2002, a pouco do seu pasamento, despediría as súas achegas ao medio televisivo co capítulo O neno suicida, do que faría o guión sobre texto de Rafael Dieste, con dirección de Antón Dobao e realización de Ricardo Llovo. O serial partía dun director de cinema que regresaba a Galicia para levar á pantalla obras de escritores galegos. Vidal Bolaño tamén tería unha curta aparición como actor convidado nalgún capítulo da serie Mareas vivas, cando Luís Tosar estaba no reparto. Naquela serie encarnaba a Aguiar, un mafioso local.