O facsímile de «Ruada das papas e o unto» amosa a escrita de Vidal Bolaño

J. G. SaNtIaGO / LA VOZ< / span>

CULTURA

03 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O facsímile de Ruada das papas e o unto, unha peza teatral de Roberto Vidal Bolaño «escrita ao xeito dos contos e para que poda ser lida, mais non quere ser teatro somentes para ler», segundo un «Aviso praos nenos lectores» do propio autor, ensina o estilo do autor a quen se dedican as Letras Galegas para elaborar textos teatrais. Este tivo unha mención no concurso do Facho en 1979, e foi estreado en 1981 pola súa compañía, dirixida polo mesmo Vidal Bolaño, que tamén actuaba, e xunto co grupo de músicos Rueiro, segundo refire Inma López Silva nun estudo introdutorio.

Con numerosos deseños, destacados e unha coidada dixitalización a máquina, a obra ocupa 63 páxinas. O Consello da Cultura Galega fai unha «edición singular e penso que elegante», segundo o seu presidente, Ramón Villares, que participou na presentación, onte en Santiago. Estiveron tamén Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; o profesor Manuel Quintáns; e a viúva do dramaturgo, Belén Quintáns. Alén dun prólogo de Villares; e do estudo de López Silva, que fai unha lectura do texto como «o espectáculo total»; o libro inclúe o traballo Todo é transición, do escritor e xornalista de La Voz Camilo Franco.

Bolaño foi definido onte como «un dos inventores do teatro galego da contemporaneidade, un pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia» e como «un gran autor, un nome importantísimo, auroral, do noso teatro».