Un novo poemario enriquece a lírica medieval galega

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Monteagudo, Quiroga, Alonso e Lorenzo, no acto.
Monteagudo, Quiroga, Alonso e Lorenzo, no acto. X. A. SOLER< / span>

Valoran o cancioneiro de Afonso Paez como o epílogo dese período

01 may 2013 . Actualizado a las 12:14 h.

Como «un día grande, un día de festa para as Letras Galegas» cualificou Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, o lanzamento da edición do cancioneiro de Afonso Paez En cadea sen prijon, preparada por Henrique Monteagudo e publicada pola Xunta. Para Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, foi «un día feliz para a Filoloxía, para os arquivos, para o patrimonio documental galego».

O libro inclúe 23 composicións, elaboradas en Ferrol, relacionadas coa familia Pita da Veiga, indica Gabriel Quiroga, técnico de Arquivos da Consellería de Educación e Cultura, que foi quen o descubriu e llo entregou a Monteagudo. Estaban conservadas en Lugo, nun arquivo familiar propiedade de Pilar Iglesias Osorio, quen as cedeu e facilitou o estudo e a edición.

Henrique Monteagudo resalta que este volume pode ser considerado a partir de agora como o epílogo da lírica medieval galego-portuguesa. Estas composicións non son cantigas, senón dizeres, recitativas e non musicadas, e talvez das máis antigas das producidos no centro-oeste da península, afirmou o profesor e editor. Ao estaren xunto con seis documentos notariais, que tamén se editan no libro, e polo teor dos mesmos, a datación do poemario pertence ao período 1380-1430. Monteagudo insistiu no valor deste «conxunto textual extraordinario». Esta edición é «unha primeira aproximación aos textos», indicou; e aínda hai que os estudar mellor e resolver dúbidas, dixo.

Afonso Paez, o novo autor medieval, ten «interese» para a cultura galega, afirmou Ramón Lorenzo, quen sinalou que se ofrecen dúas edicións «unha semidiplomática e o texto crítico».

A decana da Facultade de Filoloxía, María Xosé López, presentou o acto. No mesmo salón de graos do centro a semana pasada tamén se coñeceu o volume Os cavaleiros que fizeram as cantigas, de José Antonio Souto, outro docente do departamento, que ofrece unha versión nova sobre as orixes da lírica galego-portuguesa e os primeiros autores da mesma.

Henrique Monteagudo, que participou no lanzamento do libro de Souto, destacou que investigadores galegos asinen agora estas novas descubertas sobre a literatura medieval, que desde hai décadas interesa na Universidade galega, precisou Anxo Lorenzo.