Margarita Ledo e Rosario Álvarez son as primeiras académicas que entran na executiva

La Voz

CULTURA

21 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Por primeira vez desde 1906 haberá dúas académicas na executiva da RAG: Margarita Ledo, que será a bibliotecaria, e Rosario Álvarez, tesoureira. «Coido que ten que ver cunha cuestión que está na cultura ambiental, na visibilización do traballo das mulleres, sobre todo en situacións de representación, de compromiso directo e non mediado por outras persoas. No caso da candidatura de Alonso Montero ademais dos termos convencionais de xénero tamén hai unha certa pluralidade e un certa variedade interna que a min me gusta, porque non me gusta a monotonía. O organismo ten unha función moi clara que é pola que hai que guiarse e o resto é respectarmos coas nosas diferenzas», apuntou Ledo.

Rosario Álvarez subliñou, pola súa banda, que «o feito de que houbera dúas candidaturas non foi necesariamente negativo, senón que provocou que houbera unha catarse e un debate interno cun intercambio de ideas que noutro contexto non se tería producido».

Comezos de «thriller»

Como xa fixera no propio plenario, o académico e escritor Manuel Rivas reivindicou ao finalizar a reunión a necesidade de superar a crise interna e recuperar o traballo perdido. «O que comezou como un thriller espero que remate con outro xénero moito máis amable. Hai que darse un tempo de duelo, pero eu xa percibín que hai esa vontade de que a Academia sexa noticia polo que ten que ser noticia, polo seu traballo pola ilustración, promoción e defensa da lingua galega», explicou Rivas.