Unha RAG dividida elixe presidente

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Alonso Montero e González aspiran hoxe a relevar a Ferrín á fronte da Academia Galega

20 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha Academia fracturada en dous bloques afronta este mediodía a elección de quen será o seu presidente número doce desde os tempos de Manuel Murguía. Os filólogos Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) e Manuel González (Mazaricos, 1951) disputarán hoxe ante o plenario os apoios necesarios para relevar á fronte da RAG ao dimitido Xosé Luís Méndez Ferrín e poñer fin aos tres meses máis convulsos da centenaria historia da corporación.

18 de xaneiro

Primeiras fendas. As primeiras fendas fanse explícitas no seo da Academia no contexto da reivindicación por parte de Ferrín dun financiamento xusto e estable para a RAG. Cando o entonces presidente negocia coa Xunta e o Goberno central fanse públicas as acusacións de enchufismo e do uso dun Audi como coche oficial da Academia. No plenario do 18 de xaneiro a tensión é evidente. Na rolda de rogos e preguntas Ferro Ruibal reclama claridade nas contas, Freixanes pide explicacións sobre estas acusacións e Ferrín replica que a súa filla xa non traballa na RAG desde o 30 de Nadal e que o coche foi cedido gratuitamente pola Xunta, co que se aforra moito diñeiro. Axeitos puntualiza que o seu fillo traballaba na Academia antes de que el fora membro da institución e Rosario Álvarez súmase ás voces críticas. Darío Xohán Cabana pide a palabra para felicitar á executiva porque, por primeira vez, se presenten as contas da RAG. As cartas dos dous bloques nos que está dividida a corporación xa están boca arriba sobre a mesa.

25 de febreiro

Ferrín dimite como presidente e como académico. O domingo 24 de febreiro Ferrín participa en Padrón nos actos oficiais do Día de Rosalía. Xan ten decidido abandonar a Academia, pero non fai pública a súa dimisión ata 24 horas despois. O luns 25 La Voz publica unhas duras declaracións do secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, nas que alerta dun intento decontrolar a corporación: «O Instituto da Lingua e o Consello da Cultura queren colonizar a Academia». Mentres esta polémica arde na Rede, a secretaría da RAG remite un correo electrónico de Ferrín dirixido a todos os académicos no que comunica que abandona a presidencia e mesmo a súa cadeira vitalicia de membro da RAG. «Outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia», denuncia.

13 de marzo

Un convulso plenario. O 13 de marzo, despois de dúas tensas horas de reunión, Ferrín explica ao plenario que renuncia á presidencia da RAG e que abandona a institución. Érguese e saca dunha bolsa o diploma e a medalla e, antes de marchar, deixa sobre a mesa os símbolos que o acreditan como membro da corporación. O plenario rexeita a súa dimisión como académico e decide manter baleira a súa cadeira para que a volva ocupar cando estime oportuno. Xa na rúa, Ferrín denuncia ante os xornalistas: «A Academia está en perigo, hai forzas que atentan contra ela e esas forzas son internas e son externas».

22 de marzo

González preséntase por correo electrónico. Aínda que dentro e fóra da rúa Tabernas moitos ven en Manuel Rivas ao sucesor natural de Ferrín na RAG, o escritor e xornalista rexeita desde o primeiro minuto esta posibilidade e comezan os cruces de chamadas. O tesoureiro Manuel González, tras obter importantes apoios no plenario, dá o primeiro paso e o 22 de marzo anuncia aos seus compañeiros mediante un correo electrónico que aspira a presidir a RAG. Declárase continuista, así que só uns días despois aparece o candidato do chamado sector crítico. Xesús Alonso Montero avanza o 26 de marzo que tamén loitará pola presidencia. Por primeira vez desde a súa fundación en 1906 hai dúas candidaturas para dirixir a Academia.

12 de abril

Na busca do consenso perdido. Fálase desde o primeiro instante de integrar ambas listas nunha soa candidatura. De feito, Alonso e González deixan libres dous postos nas súas executivas para facilitar a súa integración. O día 12 de abril Manuel González invita aos académicos a unha reunión para achegar posturas, pero non hai tal achegamento. Alonso replica o martes 16 cunha última oferta que González rexeita. O mércores 17 La Voz reúne en Compostela a ambos candidatos nun debate no que se certifica que o acordo é xa imposible. Os votos decidirán.