Outros xeitos de contar historias nos escenarios

O que teñen en común Marta Pazos, María Torres, Fefa Noia e Vanesa Sotelo é contar historias nos escenarios. Comparten oficios escénicos, en especial o da dirección, que consideran un labor no que se coordina todo o resto de traballos dunha peza


La Voz

«¿Ti, como muller, como traballas?». Marta Pazos escenifica unha pregunta como lugar común antes de asegurar: «Aos directores homes non lles fan esas preguntas: ¿ti, como home, como dirixes?». Fefa Noia, María Torres, Vanesa Sotelo e Marta Pazos, entre outros cometidos, dirixen teatro. Non é unha ocupación fácil, pero as catro asumen que representan un cambio xeracional nos escenarios galegos. Elas son da opinión de que non se dirixen actrices ou actores, diríxense persoas, pero tamén consideran colectivamente que hai unha diferenza entre dirixir a uns ou a outras.

Cando comezan a falar, en cambio, a súa primeira preocupación non é tanto polo rol das mulleres directoras como por unha vella desigualdade: hai moitos menos papeis para actrices que para actores. Fefa Noia explica que resulta canso «ter que estar exercendo como muller, pero hai un momento no que a realidade se impón e dáste conta de que non está todo conseguido». Advirte que a tradición ten personaxes masculinos e «non personaxes feminino dabondo, e debemos emendalo e isto faime pensar como artista e como muller: ás veces me irrita ter que facelo así, pero é necesario».

Vanesa Sotelo explica como dramaturga que en algún momento estaba escribindo papeis masculinos e pensou en darlle a volta conscientemente. Asegura que é «unha elección que se fai desde unha determinada posición e que pode facerse como autora ou como directora».

Cambio xeracional

Marta Pazos, directora de Voadora, considera que as influencias xeracionais son as máis importantes para botar contas sobre os traballos que fan. Cita un abano moi aberto (de Jim Henson a Michel Gondry) e advirte que é moi esponxa e que todas as cousas (dos Teleñecos a The Beatles) acaban por pesar nos seus espectáculos. Para María Torres o cambio xeracional ou o que pode haber diferente entre as creadoras de agora que non tiñan as de antes ten máis que ver co xeito de comunicar. A directora de Elefante Elegante explica que, agora, a relación cos espectadores «é moito máis horizontal» e considera que esta maneira máis directa de relacionarse, «na que as actrices e os actores deixaron unha certa posición superior, é común para os que traballamos agora». É máis, segundo aclara, «un cambio no xeito de entender o traballo que no xeito de facelo».

Pero tamén hai cambios de rumbo na maneira de traballar. As catro teñen experiencia como actrices e para María Torres e Marta Pazos é un traballo de primeira liña. As fronteiras están menos claras cando se fala de dramaturxia e de dirección, uns rols que o teatro foi levando a territorios máis confusos durante os últimos cincuenta anos.

María Torres explica que, no seu caso concreto, a combinación de cometidos forma parte da resposta a dúas necesidades diferentes: «Unha, a de dominar todos elementos que están no teatro como é necesario dominar todos os elementos para pintar un cadro». A outra necesidade que concentra os cometidos é «responder á precariadade orzamentaria».

Para Fefa Noia o proceso é diferente porque prefire «traballar a partir dun texto». Pero si admite que ten «necesidade de intervir nel como directora», aínda que lle resulta máis fácil facer o traballo de dramaturxia ela mesma: «Porque xa sei o que quero. Pero non me importaría traballar con outra persoa».

Vanesa Sotelo, que asumiu a dramaturxia e a dirección de Kamouraska, considera que esa mestura de cometidos procede da mesma natureza do traballo escénico: «O teatro é unha arte global, na que se mesturan moitos elementos que non sempre hai que definir, pero tamén está a necesidade de, en cada obra que se inicia, aprender algo dos cometidos dos outros. E cando pensas en termos de dirección non pensas en lucirte ti, como non tería sentido que alguén que fai as luces para unha montaxe só pensase en que lucira o seu traballo».

Marta Pazos considera que igual que foi cambiando a relación cos espectadores para ser máis horizontal, a «relación entre os cometidos de facer teatro tamén é agora máis horizontal, podemos dicir que está por riba, pero non no sentido piramidal». A dirección é, segundo Fefa Noia, «a zona de encontro de todas as cousas».

Hai menos unanimidade entre as catro sobre quen é, realmente, o responsable de contar unha historia no teatro. Entre todos os roles principais, autor, responsable da dramaturxia ou director, hai división de opinións, de xeito que Fefa Noia considera que é o director quen toma as decisións aínda que mantén a teoría de Carles Alfaro de que «o teatro é unha sucesión de pactos entre as distintas persoas que o fan». María Torres recorre ás figuras poéticas para explicar as responsabilidades narrativas nunha obra: «É un dragón con tres cabezas». Advirte que lle custa separar a importancia dunhas cousas e outras e reclama a importancia da dramaturxia porque é o «esqueleto».

«Hai sempre unha mirada última e unha última decisión que corresponde ao director», sinala Vanesa Sotelo. Noia apunta que se hai «erro tamén é do director», e o detalle da responsabilidade inclina a balanza cara a preponderancia da dirección na narración escénica. A directora da última montaxe do CDG, Días sen gloria, asegura que aínda cando se trata dun texto recente ou sen estrear «a responsabilidade última é do director».

Levar espectadores

Entre as catro consideran irrenunciable como obxectivo levar espectadores ao teatro. Marta Pazos introduce a conexión emocional co espectador como unha chave para chamar por el. Explica que a «emoción é o que fixo que o teatro resistira séculos, e hai que recuperala». Sinala que é un obxectivo para a súa compañía, Voadora, e mesmo como espectadora considera que hai que ir ao teatro a emocionarse.

María Torres encontra un problema nunha certa fenda xeracional: «Hai algunhas xeracións que non consideran pertinente ir ao teatro porque non saben o que o teatro lles está ofrecendo». Isto suponlle unha frustración: «Como responsable dunha compañía, porque estou segura de que, se máis xente soubese como se vai sentir cando acaba unha función teatral, teríamos moitos máis espectadores».

O tempo como desexo

Cando falan de facer historias sen as limitacións que marcan unhas veces os tamaños dos elencos, outras veces o carácter do texto, algunhas máis os tamaños dos escenarios e sempre a dispoñibilidade económica, hai algo no que coinciden: gustaríalles ter tempo para abordar proxectos que o tempo axude a levedar. Fefa Noia apunta que darlle tempo ao traballo ten vantaxes incluso cando se «ensaia unha temporada e se para: cando se volve a ensaiar todo ten cambiado a mellor».

Sobre o que lles gustaría facer, sempre contando con ter tempo para o proceso, a disparidade de rexistros queda clara. Vanesa Sotelo apunta a traballar aproximándose ao teatro documental, mesmo con xente que non sexan actrices ou actores, sobre un argumento de actualidade. Por concretar, fala de O boca a boca dos cans de pedra, un texto para nove actores e 249 cans.

María Torres prefire, de poder ser, poñer unha gran traxedia grega «cun monte de actores, un coro de quince persoas, con bailaríns, con moita intensidade física, contar cunha soprano clásica, sumando partes de varias traxedias pero adaptándoas a hoxe».

Marta Pazos quere todo. Elenco longo e interxeracional, músicos, traballar cun dramaturgo. Para todo isto ten un texto: A tempestade, de Shakespeare.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos

Outros xeitos de contar historias nos escenarios