Alonso Montero cre que toda a executiva debería ter dimitido

Luís Pousa / Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A herdanza de Ferrín latexa no fondo do actual enfrontamento no plenario

18 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As feridas que se abriron arredor da dimisión de Ferrín están aínda moi lonxe de quedar restauradas e latexan no fondo do actual enfrontamento. Manuel González, tesoureiro na súa executiva, reivindica «con orgullo» a herdanza do expresidente: «Eu preséntome como unha candidatura de continuidade porque asumo plenamente nos seus aspectos fundamentais a traxectoria acadada pola Academia na época na que foron presidentes Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín». Alonso Montero marca distancias coa anterior executiva e co termo crítico que se lle adxudica. «Fernández del Riego, Barreiro e Méndez Ferrín foron espléndidos presidentes, non sei se gloriosos, pero a nosa candidatura aspira a facelo mellor. Esa teima que ten algúns medios de falar de candidatura crítica non é correcta, porque non somos críticos coas cousas positivas que se fixeron», sinala.

Polémica dimisión

Acusacións cruzadas pola marcha de Ferrín. «Eu creo que Méndez Ferrín non debería ter dimitido e moitos pedimos, e mesmo rogamos, no plenario que terminara o seu mandato. Os membros da anterior executiva son os responsables de que dimitira Ferrín, porque se dimite Ferrín porque hai unha conspiración, tamén deben dimitir eles, tamén como académicos, ou deben ser o suficientemente persuasivos para que Ferrín non dimita», argumenta Alonso Montero, que tamén acusa a Manuel González de ser «xuíz e parte» ao compaxinar o seu cargo de tesoureiro en funcións coa súa condición de aspirante á presidencia. González rexeita estas acusacións e atribúe a saída de Ferrín da Academia a aparición «non por casualidade» de informacións dirixidas a crear unha tensión insoportable no seo da Academia.

O coche oficial

¿Aforro ou luxo? Outra polémica herdada da etapa de Ferrín na rúa Tabernas é o uso do coche oficial. Mentres Alonso Montero insiste en que viaxará «en tren ou en taxi» aos actos oficiais da RAG, González lembra que o Audi foi cedido gratuitamente pola Xunta á Academia e que supón un aforro anual duns 12.000 euros. «E o coche non o utiliza só o presidente, eu teño visto usalo para carrexar libros desde a sede da Academia ata o baixo que ten como almacén», aclara Manuel González.

Enchufismo

A controvertida contratación de persoal. González recoñece que nos anteriores mandatos non había un protocolo para a contratación de persoal, que se puxo en marcha no plenario do 13 de marzo no que Ferrín presentou a súa dimisión, e admite que puido haber «disfuncións» que non encaixan coas esixencias de transparencia que ten a sociedade actual. «Hai que avanzar con pasos claros e decisivos cara a unha transparencia total na xestión de persoal», engade Manuel González.

«O problema non eran os soldos, que xa sabemos que ninguén cobra un salario por pertencer á executiva da Academia Galega, o problema que houbo é que unha boa parte da executiva anterior tiña alí aos fillos e os cuñados e nós humildemente preguntamos no plenario porque non o sabíamos», replica Alonso Montero. «Non sabes os fillos que hai porque non coñeces ao persoal, porque para iso hai que participar na vida da Academia. Tampouco sabes quen non son fillos nin cuñados», conclúe Manuel González.