A Real Academia Galega terá novo presidente o 20 de abril

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un plenario dividido elixirá ese día entre Alonso Montero e González

06 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A situación de interinidade que atravesa a Real Academia Galega desde que o pasado 13 de marzo Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión xa ten data límite: o 20 de abril. Ese sábado un plenario dividido en dous bloques elixirá un novo presidente entre as candidaturas lideradas polos profesores Xesús Alonso Montero e Manuel González.

Se non o fan público con anterioridade, as dúas listas deberán concretar ese día ante o plenario os cinco nomes da súa proposta de executiva e detallar que cargos ocuparían en caso de resultar elixida (presidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro e arquiveiro-bibliotecario). Con Manuel González compartirán lista os filólogos Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, mentres que Xesús Alonso Montero levará no seu equipo ao teólogo Andrés Torres Queiruga e á filóloga Rosario Álvarez Blanco.

Quedan por tanto pendentes de definir dous postos en cada executiva, un xesto co que se tratou de buscar a integración nunha única candidatura de consenso, pero que finalmente non se puido acadar.

O plenario que elixirá ao novo presidente está composto actualmente por 27 membros, toda vez que aínda están pendentes de ingresar na RAG os académicos electos Pegerto Saavedra e Fina Casalderrey e que permanece baleira a cadeira que deixou Méndez Ferrín.

A elección, segundo a revisión dos estatutos da Academia aprobada no 2000, farase mediante unha votación secreta (pódese enviar o voto por correo). O candidato necesita obter a maioría absoluta dos apoios (14 dos 27 posibles). Se non a consegue no primeiro reconto, pásase a unha segunda rolda na que xa abonda cunha maioría simple.

Ata 48 horas antes da celebración do plenario, é dicir, ata o xoves 18, pódense rexistrar outras candidaturas á presidencia da Academia, algo que, non obstante, semella altamente improbable nesta ocasión. De feito, esta será a primeira vez desde 1906 en que se presentan dúas listas diferentes.

O número 12 desde Murguía

O sucesor de Méndez Ferrín converterase no presidente número doce da Real Academia Galega desde Manuel Murguía, que foi o primeiro en dirixir a corporación e exerceu o cargo -entón de carácter vitalicio- ata a súa morte en 1923. A presidencia foi ocupada en dúas ocasións por Manuel Casás e Eladio Rodríguez e, entre outros, pasaron pola primeira cadeira da RAG Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Manuel Lugrís Freire e, xa en tempos máis recentes, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Coa revisión dos estatutos, o mandato do presidente da RAG queda limitado a catro anos coa posibilidade de optar a unha única reelección para un segundo período.