A Fundación López Abente lembra ao autor muxián cun certame poético

Tres poetas encargaranse de xulgar as obras presentadas antes do vindeiro 25 de maio

La Voz

«Nacemos para preservar e dar a coñecer a obra de López Abente e nesa liña nace este certame», explicou onte o presidente da Fundación Gonzalo López Abente, o alcalde muxián, Félix Porto, ao presentar a primeira edición do premio de poesía dedicado ao autor de Escumas da ribeira. Tres poetas encargaranse de xulgar as obras presentadas antes do vindeiro 25 de maio (os textos deberán ser en galego e ter máis de 400 versos) e o gañador recibirá un galardón de 2.000 euros, que recollerá o 20 de xullo, catro días antes da celebración do 50.º aniversario do pasamento do poeta de Muxía, nun acto no que tamén presentarán a obra completa de López Abente, editada por Espiral Maior. Uns días antes, o 13 de xullo, Muxía será o escenario da estrea da adaptación musical do poema Meu Mar, realizada por Miguel Brotóns.

«O gañador levará tamén unha escultura e o máis destacado é que a obra será editada por Xerais, algo moi importante nestes momentos de crise, nos que case non se publica poesía», engadiu o vicepresidente da fundación, o poeta Xosé Henrique Rivadulla Corcón. «Cada vez hai máis libros nos caixóns e este concurso axudará a paliar esa situación», dixo.

Á presentación do certame asistiu tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cuxo departamento patrocina o concurso, que nace co obxectivo de perdurar no tempo. «A poesía nunca vendeu moito, pero non hai que esquecer que a maioría dos creadores empezaron facendo versos. A poesía é a vía de entrada da creación», explicou.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A Fundación López Abente lembra ao autor muxián cun certame poético