Marta Pazos: «En Voadora somos xente de suar moito a camiseta»

A directora pide que se poida ver o espectáculo premiado en Galicia


Santiago / La Voz

Entre as reivindicacións do oficio escénico e as denuncias dunha circunstancia adversa que protagonizaron a gala, a compañía Voadora e a súa montaxe Tokio3 obtiveron o recoñecemento de cinco premios María Casares. «En Voadora somos xente de suar moito a camiseta», apunta Marta Pazos, gañadora do galardón á mellor directora por ese traballo.

-¿Como recibe o respaldo que supoñen os premios?

-Estou superfeliz. Paréceme un momento moi doce para nós. Tokio3 foi un traballo moi intenso que sacamos adiante grazas á unión e á enerxía do grupo. É un respaldo a ese traballo.

-Con cinco premios, ¿non lles queda mágoa de non obter o de mellor obra?

-Pois nese caso tamén estou contenta porque me parece fantástico que premien a Elefante Elegante, que fan un tipo de teatro de tanta calidade e que, neste caso, é unha obra para público infantil. Creo que a gala dos María Casares estivo marcada polo xeracional e que hai xente nova que está chegando, porque hai que ter en conta a Ibuprofeno. Está ben que se premien cousas diferentes e que se incorporen novas xeracións porque hai público para todos.

-¿Que esperan que suceda co éxito de Tokio3 nos premios?

-Primeiro: que se poida ver Tokio3 en Galicia. Hai unanimidade entre público, crítica e a profesión sobre a obra. É máis difícil de entender por que como compañía nunca entramos na Rede Galega de Teatros. Gustaríanos que o espectáculo puidera verse en máis sitios de Galicia. Tamén queremos quitar esa idea de que o contemporáneo está lonxe dos espectadores. Queremos contar co público.

-¿Traballan máis en Portugal?

-Traballamos moito máis alá que aquí. Un 60 % ou un 70 % dos nosos espectáculos fanse en Portugal porque, en conxunto, son máis receptivos ao que facemos e podemos facer residencias de traballo. Por exemplo, chámanos do Festival Gil Vicente. Pero nós queremos reivindicar a nosa condición de galegos.

-Ademais do relevo xeracional do que falaba antes, ¿cre que as mulleres van gañando papel na dirección?

-Non penso niso. Non penso que por ser muller faga un traballo diferente, aínda que sei que é así. Para nós é máis fácil porque a xeración anterior -Ánxeles Cuña, Ana Vallés ou Cristina Domínguez- tivo que romper cousas. Din que que hai unha nova xeración, pero levo case vinte anos facendo teatro, levamos tempo xa picando pedra...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

Marta Pazos: «En Voadora somos xente de suar moito a camiseta»