Fefa Noia: «O texto está pensado, construído e escrito pensando no espectador»

Camilo Franco

CULTURA

<span lang= gl >UNHA DIRECTORA PARA VIDAL BOLAÑO. </span>O director do CDG salientou na presentación de Fefa Noia como directora de «Días sen gloria» a circunstancia de ser a primeira muller en dirixir unha obra do dramaturgo das Letras Galegas. Noia  traballou con compañías galegas como Minerva, Galileo ou Matarile. Colaborou co CDG e traballou en Teatro de la Abadía, en Madrid | ÁLVARO BALLESTEROS
UNHA DIRECTORA PARA VIDAL BOLAÑO. O director do CDG salientou na presentación de Fefa Noia como directora de «Días sen gloria» a circunstancia de ser a primeira muller en dirixir unha obra do dramaturgo das Letras Galegas. Noia traballou con compañías galegas como Minerva, Galileo ou Matarile. Colaborou co CDG e traballou en Teatro de la Abadía, en Madrid | ÁLVARO BALLESTEROS

03 abr 2013 . Actualizado a las 20:00 h.

Cando Fefa Noia comezou a facer teatro, Roberto Vidal Bolaño xa traspasara algunhas liñas, algunhas delgadas e outras moi grosas. A directora leva unha temporada grande lidando con Bolaño no mellor sentido da palabra e buscando nas moitas capas de Días sen gloria cales son as que mellor guían a historia.

-Está dirixindo un texto que foi cando menos en parte dirixido e interpretado polo propio autor e que unha parte do público aínda pode lembrar. ¿Que proposta escolle unha directora con ese antecedente?

-Non coñecín persoalmente a Vidal Bolaño e non vin a obra cando a estreou a súa compañía. Teño algunhas imaxes dispersas sobre a peza e fun reunindo información. Non defino o meu traballo nin a favor nin en contra. Traballo desde o texto e procuro facelo moi a favor del porque penso que se se monta un texto é por algo. Hai que ter en conta o que autor pretendía. Se queres facer un Shakespeare non precisas un texto de Bolaño. En Días sen gloria nótase moito a perspectiva que podía ter como director Vidal Bolaño, nas acoutacións ou na disposición do texto. Podo intuír o que ía pedirlles aos actores. Pero isto lonxe de condicionar o meu traballo ábreme moitas portas. Trátase de coller a esencia do texto e desde os seus puntais ir desenvolvendo a historia.

-¿Cales son eses puntais?

-O xeito de contar, esa pátina de conto que ten e que Bolaño aproveita. Eu creo moito nesa proposta que el fai no texto. As claves cinematográficas que tamén se aprecian. Creo que para un director son asuntos fundamentais que eu procuro utilizar ao meu favor. Creo tamén que é unha obra madura, que no bo sentido é un texto que non fai moitas concesións ao público: non o castiga pero tampouco o trata como parvo. Permítese un humor en argumentos moi delicados e quizais isto non o tería feito en obras anteriores.

-A peza ten unha condición itinerante, é unha viaxe constante. Bolaño resolveu empurrando un carro. ¿Como se resolve esa viaxe permanente sobre o escenario?

-Hai unha dificultade práctica. O carro, en realidade, aínda que pareza obvio ou vulgar, é un personaxe máis da obra e nós temos que darlle un pouco de vida para converter unha dificultade inicial nunha singularidade da obra. A solución, para min, foi darlle ao carro un tratamento de personaxe.

-A itinerancia xeográfica ten unha correspondencia emocional segundo as etapas.

-Nas escenas está moi debuxado o percorrido emocional que van facendo os personaxes. Esta é unha das grandes riquezas do texto. Na viaxe física temos que poñerlle imaxinación e aproveitar o que o teatro ofrece. Na emocional o texto é moi rico. Esa riqueza é unha dificultade para os actores porque as escenas comezan sempre coa acción iniciada, moi altas, e rematan máis altas aínda. Insisto moito a Manuel Manquiña e Eva Souto que teñen que estar moi arriba porque esa dificultade é a gran riqueza do texto.

-¿Por que manter esa tensión emocional?

-Penso que o texto está pensado, construído e escrito pensando no espectador. Para mantelo pegado á historia.

-Vidal Bolaño tiña fama de ser un autor moi práctico en canto ás decisións de dirección. ¿Como é a versión que vai estrear o CDG?

-Ten un respecto absoluto polo carácter dos personaxes e hai algúns cambios no texto, pero son cambios que non afectan a como falan aos personaxes porque o xeito no que se expresan forma parte do xeito en que se definen, e iso ten que permanecer.

-Vostede traballa en Madrid. ¿Hai pouca permeabilidade cara ao teatro da periferia?

-Non sei cal é a solución, pero un problema si que hai. Porque hai xente de primeira liña que é descoñecida en Madrid e nin os teñen en conta.

-Despois de facer teatro en Galicia, marchou a Madrid, agora vén dirixir ao CDG. ¿Que diferenzas encontra no teatro daquela e no de hoxe?

-Estamos dominados polo pesimismo e os tempos están malos en todas partes. Eu atopei diferenzas pero para ben. Creo que hai unha renovación e hai cousas que se foron sementando ao longo dos anos que se están deixando ver agora. Estase comezando a dar unha renovación entre as xeracións que están e as que veñen que me parece moi importante. É certo que podería ser moito máis e que podería haber máis resultados, pero creo que é unha cuestión de tempo.