O Centro Dramático Galego estrea «Días sen gloria»

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

O Centro Dramático Galego estrea a primeira das súas producións dedicadas a Vidal Bolaño, unha obra de estrada que tenta explicar a vida das marxes, con Manquiña e Eva Souto de protagonistas

03 abr 2013 . Actualizado a las 23:10 h.

SANTIAGO | Salón Teatro | Estrea: 5 de abril | 21 horas | 6 de abril: 20.30 horas | 7 de abril: 18 horas | 10 euros

Un camiño de morte e amor. De secretos, persecucións e expiacións. De descridos que conservan certa fe ou de mercenarios dispostos a morrer por boas causas e de balde. Todas estas cousas están presentes e vivas en Días sen gloria, a obra que o Centro Dramático Galego escolleu para celebrar a Roberto Vidal Bolaño e o primeiro Día das Letras Galegas decidido a celebrar o teatro.

O vindeiro 5 de abril, o Centro Dramático Galego volverá a reencontrarse con Roberto Vidal Bolaño despois dunha longa traxectoria de encontros, desencontros e reencontros que, a pesar das distancias e das discrepancias, serviu para recoñecer en Bolaño a principal personalidade do teatro galego dos últimos corenta anos. O Bolaño que volve agora ao CDG volve como autor para recuperar un texto que foi premiado en 1992 co Rafael Dieste, e montado ao ano seguinte pola compañía que entón era a súa, Teatro do Aquí. Unha montaxe que abre un ano excepcional, segundo o director do CDG, Manuel Guede, quen sinala que será o primeiro do centro «no que a súa programación estea integramente dedicada a un só autor».

Días sen gloria era en 1993, vinte anos atrás, e volve ser agora, unha peza de moitos personaxes e poucos actores. Trinta son as almas que transitan por un Camiño de Santiago que parece a punto de desaparecer no tempo. Un camiño de tramposos, desorientados e incautos. Como a vida mesma. O texto de Vidal Bolaño volve aos escenarios con vinte anos de distancia, co seu autor desaparecido, homenaxeado co Día das Letras Galegas. Unhas circunstancias radicalmente diferentes de aquelas nas que, con Vidal Bolaño asumindo o papel principal, xirou por primeira vez polos escenarios galegos.

Fefa Noia (Santiago, 1974) é a directora escollida polo Centro Dramático Galego para asumir a primeira das súas producións dedicadas a RVB. A directora, afincada en Madrid, explica que aínda que desde o CDG ofrecéronlle «dirixir Días sen gloria» tras enfrontarse ao texto e comparalo con outras obras de Vidal Bolaño, «esta é a que eu escollería dirixir». O reparto que o vindeiro venres estreará esta segunda versión escénica de Días sen gloria está integrado por cinco intérpretes: Manuel Manquiña e Eva Souto, nos papeis principais, e complétase con Sergio Zearreta, Felisa Segade e Borja Fernández.

A historia de Vidal Bolaño comeza en Francia e vai seguindo un Camiño de Santiago que non goza nese tempo do éxito. Un vello e unha prostituta bótanse ao camiño e, en certo sentido, os dous son profesionais do malvivir. Pero as motivacións dos dous para chegar ata Compostela e máis alá non son as que declaran.

O director do Centro Dramático Galego considera que Días sen gloria «recolle moi ben o universo de Vidal Bolaño». Un universo que ten, nos seus distintos tipos de teatro, unha intención de explicar a vida das marxes, dos excluídos, dos que agora reciben como consideración o adxectivo de desfavorecidos ou desafortunados como se a súa circunstancia fose cousa dun azar con gusto pola traxedia.

A montaxe foi entón e segue sendo agora unha obra de estrada. Unha viaxe que marca os tempos do camiñar e que, baixo as etapas recoñecibles da xeografía, agacha outra viaxe que o espectador debe intuír. Unha viaxe cun destino que pode ser redención ou castigo. Unha viaxe na que hai que atravesar un mundo ameazante.

Un mundo protagonizado por xentes afeitas a vivir nas marxes: un protagonista que vive de facer o Camiño por outros, unha prostituta que busca vinganza. Os dous asumen o percorrido como socios que desconfían. Desconfían entre eles e desconfían do resto do mundo que vive á beira do itinerario, os que rebuscan, os que enganan. A parella protagonista camiña contra si, contra o mal tempo e contra as dificultades. Camiña tentando poñerse a salvo do mundo e poñendo a salvo o que queda da humana condición.