Querer ou non querer

Camilo franco

CULTURA

29 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non creo que o sector teatral proteste máis que os outros: é que ten máis espazos para facelo. Deste xeito, os premios María Casares deixaron claro unha vez máis que a situación do sector sobrepasou o razoable para colocarse a medio paso do inadmisible. Pero todo isto non quita que o espectáculo deba continuar.

No artístico, o resultado dos premios demostra que as incorporacións xeracionais están feitas e aceptadas. Que as novas linguaxes que xera a escena galega son recoñecidas, pero significa tamén que ademais da inevitable renovación xeracional hai amplitude e variedade nesa liña trazada entre Voadora, Elefante Elegante e Ibuprofeno, unha liña que busca encontrarse cos espectadores desde un xeito de ver e de contar contemporáneos. É dicir, de agora. Pero ademais dese punto de partida, as tres compañías teñen algo máis en común: ningunha das tres obras tiveron longas xiras durante 2012 nin o que vai do 2013. Máis ben ao contrario, tiveron un percorrido escénico curto para o respaldo adquirido na noite do teatro galego.

As tres compañías sumaron oito dos trece premios María Casares, en grande parte das categorías importantes. Como se traduza iso en que o público poida comprobar se as votacións levan razón, será unha proba máis de se o tan mallado sistema teatral galego aínda é capaz de manexarse algo e aproveitar as oportunidades que a promoción ofrece.

Porque a outra batalla do sector escénico galego está en facer ben visible o mal momento que atravesa. E facer visible que o mal momento económico non coincide en absoluto con un mal momento artístico. Pero para que isto suceda é necesario que, cando menos, as obras premiadas nos María Casares poidan volver a eses teatros galegos que, na súa maioría, están sen uso.

A pesar da intensidade do discurso neoliberal, as artes tiveron sempre algún tipo de protección, incluíndo neses tempos que hoxe se citan como gloriosos arredor de Shakespeare. Pese as dificultades, o teatro galego é máis amplo, máis variado e máis completo que nunca. O resto é querer ou non querer.