Samuel Diz grava o repertorio clásico galego para guitarra

O intérprete recolle obras escritas para o instrumento por varios compositores, incluída unha inédita de Bal y Gay


redacción / la voz

Aínda que non sexa o primeiro instrumento que vén á mente ao falar de música galega, a guitarra clásica goza dun repertorio, quizais pouco coñecido, de composicións de autores de Galicia ou foráneos mais de inspiración galega. Son estas pezas as que fornecen a gravación do disco de Samuel Diz (Tui, 1986) Guitarra Clásica Galega, publicado por Ouvirmos coa colaboración da Xunta. O cedé recolle por primeira vez unha obra de Jesús Bal y Gay, Pastoral, composta expresamente en 1933 para guitarra, descuberta hai pouco polo musicólogo Leopoldo Neri e estreada en concerto tamén polo propio Diz no 2011. Hai pezas tamén da dona de Bal, Rosa García Ascot, a Suite compostelana de Mompou e traballos de autores galegos menos coñecidos, como José Fernández Vide ou José Chás, xunto cunha obra dun compositor contemporáneo, Fernando Buide.

Diz cita como vínculos claros da guitarra con Galicia o curso estival dedicado á música española que organizou en 1958 Andrés Segovia e que trouxo a Santiago guitarristas de todo o mundo, ademais do seu uso polas populares rondallas, onde o propio instrumentista comezou aos seis anos. «A nivel histórico, foi na primeira metade do século XX cando apareceron numerosas agrupacións. Despois ábrese o abano de estilos musicais, estética e gustos sociais, ao tempo que aparecen diferentes tipos de guitarras», explica o intérprete.

Especialmente importante é o descubrimento da Pastoral de Bal y Gay, que naceu no ronsel da Homenaxe a Debussy de Falla, «unha obra que marcou o renacemento da guitarra como instrumento de concerto, como símbolo do nacional, pero tamén de modernidade». A Generación del 27 tamén queda engaiolada co instrumento e na composición de Bal foi decisivo o seu encontro en Madrid con Regino Sainz de la Maza.

Menos coñecidos son Fernández Vide ou Chás, polo que o disco ten tamén un traballo de descuberta do pasado que se complementa coa proxección de futuro que supón a gravación da primeira peza para guitarra do compositor compostelán Fernando Buide, escrita expresamente para este disco. A Samuel Diz gustaríalle que fose un primeiro chanzo para afianzar a guitarra na escena clásica galega contemporánea como «unha marca en movemento en Galicia, para Galicia e no exterior. A creación dunha identidade presente, futura, inexistente ata o momento».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Samuel Diz grava o repertorio clásico galego para guitarra