A Feira do Libro de Bruxelas, unha porta aberta ao lector

Xavier Alcalá
xavier alcalá BRUXELAS

CULTURA

A feira alóxase nun edificio emblemático, sempre cheo de xente

25 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Foire du Livre de Bruxelles -que leva a orientación francófona no nome- chamou a España como país convidado, algo a celebrarmos coma o paso dun cometa pois ocorre poucas veces. A capital da Unión Europea ten moitos países postulantes e o francés é lingua de pobos cultos con alto nivel de vida, na que todas as literaturas se queren ver reflectidas.

A organización da feira escolleu para a súa presentación obras de autores españois escritas en castelán orixinalmente ou xa traducidas ao espagnol. O Instituto Cervantes de Bruxelas ofreceu a presenza de libros en calquera outro idioma no seu pavillón. De feito, a editorial Galaxia mandou obras relacionadas cos temas principais da Foire deste ano: os xéneros do romance histórico e novela negra.

A feira alóxase nun edificio emblemático, que fora da alfándega, a pé do canal. Amplo e luminoso, sempre cheo de xente entre o 7 e o 11 de marzal pasado, transmitía a impresión de «aquí a crise é menos»: esgotábanse os libros dos autores españois, en castelán e en francés. Mesmo se venderon en galego.

Manda o papel

A diferenza doutras feiras en países avanzados, a presión dos novos medios de creación e presentación de textos non era significativa. Mandaba o papel, con prezos baratísimos nos clásicos.

Canto á organización, os españois debémoslle moito a María González Encinar e Christine Defoin, que desde o Instituto Cervantes e desde a feira actuaron como fadas madriñas acompañadas dunha cohorte de eficacísimas asistentes.

A representación da literatura galega estivo relacionada coa vivencia bruxelense, que facilitou as axendas, e coas temáticas da feira. Nun escenario aberto e sempre cheo de público, quen isto escribe tivo a honra de participar nunha mesa sobre o romance histórico, noutra máis sobre aventuras marítimas e nun tête-à-tête sobre os porqués da literatura.

Históricos e intrahistóricos

Na primeira ficamos divididos entre os que, nun extremo, trataron con históricos defuntos (os casos de Carmen Posadas e Javier Moro) e os que tratamos con personaxes intrahistóricos (Alicia Giménez Bartlet e eu).

Na segunda foron converxer as desventuras da Carta del fin del mundo coas de Al sur del mundo: nunha visión certeira, a señora Defoin xuntou o relato de José Manuel Fajardo co meu. No encontro persoal, Xavier Queipo e eu tentamos explicar ao público como escribimos «os de Ciencias» e sinalar o peso do corpus literario galego...

En fin: unha grata experiencia; e unha porta aberta para as traducións da galeguía á francofonía en tempos de exportarmos para existir.

mundo editorial