Ferrín reitera que hai ameazas contra a independencia da RAG

camilo franco / mar gil SANTIAGO, OURENSE / LA VOZ

CULTURA

O conselleiro Xesús Vázquez saúda a Xosé Luís Méndez Ferrín, onte, na Ínsua dos Poetas.
O conselleiro Xesús Vázquez saúda a Xosé Luís Méndez Ferrín, onte, na Ínsua dos Poetas. sAnti m. Amil< / span>

Franco Grande considera «disparatado» falar dunha conspiración

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Ínsua dos Poetas, o espazo cultural que o escritor Luís González Tosar está a erguer nas terras do Carballiño, foi onte o centro simbólico das celebracións que festexaron en toda Galicia o Día da Poesía, cun acto que contou coa participación dun grupo de escolares do colexio carballiñés da Uceira; do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do secretario en funcións da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei; e do expresidente da RAG, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que exerceu como mantedor da xornada poética.

Aproveitando a súa presenza na Ínsua dos Poetas, Ferrín reiterou, en declaracións aos xornalistas, os perigos que rodean á Academia Galega. O expresidente da RAG, antes de reafirmarse na súa renuncia, retrucou as palabras formuladas polo académico Xosé Luís Franco Grande nun artigo publicado nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia o pasado luns titulado Minifundio mental. Méndez Ferrín declarou: «Iso é minifundismo» para cualificar o texto de Franco Grande no que se citaban tres institucións: a RAG, o Consello da Cultura Galega e o Centro Ramón Piñeiro.

Segundo Ferrín, «hai xente que pensa que ten que haber unha única cousa» e que esa institución «faga desaparecer a Academia». Rematou explicando que na ameaza «hai autores, pero é unha obra colectiva que vai fracasar». O expresidente asegurou que as palabras de Franco Grande deixan claro que «hai forzas que conspiran contra a independencia da RAG».

Xosé Luís Franco Grande contestou ao autor de Con pólvora e magnolias amparado no ton irónico. «Parece que Ferrín non sabe ler, porque o que eu explicaba no artigo era xusto o contrario do que el me acusa», apuntou.

O escritor, que leva anos distanciado da actividade académica, sinalou que a actitude do expresidente é a que demostra a crise da RAG: «A conspiración da que fala Ferrín é disparatada e non ten nada que ver co que eu escribía no artigo». Franco Grande considerou que a actitude de Ferrín demostra o «mal funcionamento da Academia» sinalando que o expresidente aludía a «conspiracións que non teñen sentido ningún».

Franco Grande engadiu: «Eu penso que a Academia ten que medrar e ten que cumprir cos seus cometidos, pero é moi difícil que poida funcionar con actitudes como estas». Para o escritor, «un dos males é que a xente pense que a Academia non é un sitio serio».

Xesús Vázquez non quixo entrar na polémica e pediu «unidade, o que non implica fusión».