Begoña Caamaño recibe o premio das editoriais galegas ao mellor libro de ficción

Vigo / La Voz

CULTURA

Agustín Fernández Paz fíxose co galardón ao mellor libro de non ficción e Miguel Torneiro á mellor obra de poesía ou teatro

16 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As editoriais galegas entregaron onte en Vigo, no transcurso da VIII Noite da Edición de Galicia, os premios aos mellores libros do ano pasado. O premio Ánxel Casal ao libro de ficción recaeu en Morgana en Esmelle (Galaxia), de Begoña Caamaño. O Ánxel Casal ao libro de non ficción foi entregado a Agustín Fernández Paz polo seu traballo O rastro que deixamos (Xerais). En canto ao Ánxel Casal ao libro de poesía ou teatro levouno Manuel Torneiro, con Os ángulos da brasa, (Kalandraka).

Na gala entregáronse tamén o Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado foi para Antonio Seixas, por Cartas de inverno (Xerais). O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, levou o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil.

O Premio Lois Tobío ao libro traducido foille entregado ao libro Alén das fronteiras, (Kalandraka) de Isaac Xuvin; o Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo foi para Peixes. Cociña infantil (Ouvirmos); o Premio Álvarez Blázquez, que recoñece unha traxectoria, foille entregado a Fina Casalderrey; o Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial foi para OQO films; e o Fernández del Riego á difusión cultural foi para a Fundación Penzol.