Teatro do Aquí recupera a lucidez das «Criaturas» de Vidal Bolaño

A compañía do dramaturgo produce unha obra que foi premio Max

Belén Quintáns, presentando a nova versión da penúltima obra de Vidal Bolaño.
Belén Quintáns, presentando a nova versión da penúltima obra de Vidal Bolaño.

Santiago / La Voz

«Era case unha obrigación que Teatro do Aquí representase a Roberto Vidal Bolaño no seu Día das Letras Galegas». Belén Quintáns, cofundadora da compañía xunto con Bolaño, explicaba así o motivo polo que Criaturas volve ser obra de teatro doce anos despois de ser estreada por primeira vez.

A montaxe, que terá as súas primeiras funcións en abril en Narón, onde tamén foi estreada a súa primeira versión, «conta case co mesmo equipo artístico e técnico» e ten a vocación «de moverse no mesmo ámbito co se estreou», segundo explicou Quintáns.

En coprodución co Centro Dramático Galego, coa colaboración da Agadic e da SGAE e coa produción técnica de Kachet, Criaturas está dirixida por Evaristo Calvo, quen asegurou na presentación que o seu cometido neste traballo como director era «seguir o camiño marcado por Vidal Bolaño». Calvo apuntou que os personaxes e a historia que conta a obra, que ten como referencia o Frankenstein de Mary Shelley, «é como de agora mesmo e ten a mesma vixencia que teñen todos os clásicos».

O reparto de Criaturas que estará en Santiago en maio e en decembro, mantén a dous dos intérpretes da súa primeira versión, Belén Constenla e Vicente de Souza. Os outros dous serán Marcos Orsi e Xoán Carlos Mejuto, un actor habitual nos repartos de Teatro do Aquí.

O director da SGAE en Galicia, Juan Carlos Fernández Fasero explicou na presentación que era «fundamental para a SGAE celebrar ao primeiro socio da entidade ao que lle dedicaban o Día das Letras», mentres que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sinalou que a colaboración de «varias institucións nas producións como Criaturas serve para darlle máis profundidade á difusión da cultura».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Teatro do Aquí recupera a lucidez das «Criaturas» de Vidal Bolaño