Méndez Ferrín sitúa no «terreo das cloacas» as deslealdades na RAG

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O presidente critica as filtracións aos medios de cuestións internas

12 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Cando se filtran as cousas é que hai deslealdades, e entón entramos no terreo das cloacas». O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, contestou así onte ás preguntas dos xornalistas sobre a orde do día do plenario que mañá mércores tratará, entre outras cuestións, a súa renuncia.

Ferrín lembrou que o contido da reunión é «secreto» e que os académicos non o poden comentar cos medios, tese á que se sumou o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, que subliñou que tanto a orde do día como as actas das reunións «son secretas, coma no Vaticano ou en calquera institución».

Ferrín e Axeitos fixeron público así o fondo malestar que hai na executiva da Academia pola filtración aos medios da orde do día da xuntanza, o que levou ao propio presidente a remitir nos pasados días un correo electrónico aos 27 membros da corporación lembrando a obriga estatutaria de gardar o segredo das deliberacións do plenario da RAG e das comunicacións internas enviadas pola executiva.

Estas acusacións de «deslealdades» no seo da Academia súmanse ás expresadas por Méndez Ferrín na súa carta de dimisión do 25 de febreiro: «Outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que non teño sitio na Academia». Ese mesmo día Axeitos, nunha entrevista en La Voz, atribuía os «ataques» dun sector de académicos ao intento de destacados membros do Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega de «colonizar a Academia», acusacións que foron rexeitadas por ambas institucións.

Estas disensións internas puxéronse de manifesto no plenario do 18 de xaneiro, onde varios académicos pediron explicacións á executiva sobre as contas da institución e sobre a política de contratación de persoal ante as acusacións de que a filla do presidente e o fillo do secretario traballaban na RAG.