Rivas pedirá no plenario que Ferrín siga á fronte da Academia

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Xosé Luís Méndez Ferrín recibe a aperta de Manuel Rivas, onte, no salón de actos da Real Academia Galega.
Xosé Luís Méndez Ferrín recibe a aperta de Manuel Rivas, onte, no salón de actos da Real Academia Galega. paco rodríguez< / span>

O presidente da RAG di que «sempre se pode cambiar de opinión»

10 mar 2013 . Actualizado a las 20:56 h.

O convite para a cerimonia de ingreso de Xosé Fernández Ferreiro na Real Academia Galega incluía unha moi significativa última liña: «Será o último acto presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín». Malia contundente frase e que xa está convocado para o mércores 13 o plenario no que Ferrín presentará oficialmente a súa renuncia como presidente e mesmo como membro da RAG, os chamamentos para que reconsidere a súa decisión chegaron onte á mesma sede da Academia.

Ao remate do acto no que Ferreiro tomou posesión da súa cadeira -«que é para toda a vida», subliñou con intención o presidente-, Ferrín agradeceu a presenza de académicos, público, informadores e autoridades, entre as que citou ao presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, e deslizou unha frase que soaba a despedida: «Grazas por asistir a este acto que para min, e para algúns máis, vai ser dificilmente esquecible». Preguntado logo polos xornalistas sobre o carácter inesquecible da xornada, Méndez Ferrín explicou: «É inesquecible porque son dous amigos, un que entra e outro que o recibe». E, interrogado xa directamente pola posibilidade de reconsiderar a súa dimisión, sinalou cun sorriso á periodista: «Sempre se pode cambiar de opinión. ¿Ti cambias de opinión con moita facilidade?». Ante a insistente cuestión de se o mércores ratificará a súa dimisión ou dará marcha atrás, ironizou co polémico decreto do plurilingüismo e as traducións ao inglés de quizais e talvez: «En inglés, ¿como se di? May be ou tamén se di perhaps. Estamos na Galicia plurilingüe, temos un decreto que nos fai plurilingües», para regresar logo ao «non hai comentarios».

Proposta formal ao plenario

Manuel Rivas anunciou pola súa banda que proporá formalmente no plenario que Ferrín esgote o seu mandato como presidente e, sobre todo, que non abandone a súa cadeira vitalicia na rúa Tabernas. «Non sei se esa esperanza serve para algo, pero polo menos eu vou propoñer ao plenario, chegado o momento, cando nos corresponda falar, que reconsidere esa dimisión dende logo como presidente pero fundamentalmente como académico e siga adiante. Ademais Ferrín ten o valor engadido de ser o mellor escritor galego vivo e, se marcha, a Academia xa non será a mesma», apuntou Rivas.

Aínda que no seu entorno recalcan que a decisión de Méndez Ferrín de renunciar á presidencia é firme, un amplo grupo de académicos confían en que se o plenario da corporación llo pide expresamente reconsidere a súa postura de abandonar tamén a súa condición -de académico.

Manuel Rivas amosouse confiado na posibilidade de que, sexa cal sexa a decisión final de Ferrín, se poda reconducir a actual crise da RAG: «A Academia nunca foi unha institución protexida dende arriba, é algo que naceu dende abaixo, feito co esforzo de moita xente, na adversidade, a contravento, e que tivo que capear moitos temporais, e eu penso que este non é o peor».

Cuestión de comunicación

Pola súa banda, o académico Vítor Freixanes lembrou que ninguén pedira a renuncia do presidente: «Foi unha decisión súa e polo tanto é el quen ten que tomar esa decisión, pero ningún dos académicos lle pediu en ningún momento a dimisión». «Houbo unha discusión de criterios sobre determinadas políticas de comunicación, porque algúns de nós cremos que hai que explicar as cousas, pero ninguén pediu a dimisión de Méndez Ferrín, para nada», insistiu o director de Galaxia. «É un debate interno -engadiu- que temos que ter nós e que non temos que debater nos medios».

«Este acto, para min e para algúns máis, vai ser dificilmente esquecible»

Xosé Luís Méndez Ferrín

«Ferrín é o mellor escritor galego vivo e, se marcha, a Academia xa non será a mesma»

Manuel Rivas