Ferrín formalizará o día 13 a súa renuncia á presidencia e á RAG

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Na reunión analizaranse as contas e a política de contratacións da institución

08 mar 2013 . Actualizado a las 15:06 h.

Mañá sábado Xosé Luís Méndez Ferrín presidirá o seu último acto público á fronte da Real Academia Galega. Será a cerimonia de ingreso de Xosé Fernández Ferreiro na corporación. Só uns días despois, o mércores 13, asistirá ao seu derradeiro plenario, no que formalizará ante os outros 26 membros da RAG a súa renuncia á presidencia da institución e mesmo á súa condición de académico. Malia as peticións formuladas, desde dentro e fóra da Academia, para que Ferrín esgote o seu mandato ou polo menos manteña a súa condición de académico, fontes do círculo máis próximo ao presidente recalcan que a decisión é firme e pública e, polo tanto, xa non ten volta atrás. O mércores converterase no primeiro presidente da RAG en abandonar o cargo desde a dimisión de García-Sabell en 1997 e no primeiro académico en deixar a súa cadeira vitalicia desde a renuncia do reintegracionista Jenaro Marinhas del Valhe en 1990.

A dimisión do presidente é o quinto punto da orde do día desta xunta que, pese á súa condición de «ordinaria», se prevé tensa e intensa. Ademais da ratificación da renuncia de Ferrín, a reunión inclúe outros cinco asuntos: lectura, e no seu caso aprobación, da acta do anterior plenario (a polémica xuntanza do pasado 18 de xaneiro na que saíron á luz as primeiras discrepancias fortes no seo da corporación); o informe do presidente, no que Ferrín fará un balance da súa xestión; a análise e aprobación, se procede, das contas do ano 2012 e do orzamento do 2013; o protocolo para as contratacións na RAG, no que se prevé que se responda ás acusacións de enchufismo de familiares de membros da executiva na corporación; e, por último, a habitual rolda de rogos e preguntas, que tamén promete ser emocionante dado o cruce de declaracións entre académicos destas dúas semanas.

Despois da petición formal na última reunión das contas detalladas da institución, a convocatoria incorpora documentación co orzamento do 2013, que ascenderá a 976.945 euros, e coa liquidación das contas do ano pasado, cuns gastos totais de 1.258.654 euros, que deberán ser aprobados polo plenario.

Posta en marcha da web

No pasado exercicio a partida máis elevada do gasto foi a de persoal (724.369 euros), que este ano será de 707.636 euros. No 2012 a posta en marcha da renovada páxina web da Real Academia Galega supuxo un desembolso de máis de 100.000 euros, mentres que os actos polo 50.º aniversario do Día das Letras Galegas tiveron un custo duns 25.000 euros.

Para o presente ano, máis alá dos gastos comprometidos en salarios e Seguridade Social, entre as partidas máis altas previstas no orzamento figuran os servizos de asesoría (24.672 euros), gastos de representación (26.400), o convenio para a Gramática Galega (23.960 euros), os cursos de verán (20.000) e os actos de toma de posesión de académicos (12.000).