Ferrín dirá «ao seu debido tempo» se repensa a súa dimisión da RAG

Luís Pousa / Camilo Franco A CORUÑA, SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xosé Luís Méndez Ferrín, á esquerda, e Xosé Luís Axeitos, onte, na sede da Academia Galega.
Xosé Luís Méndez Ferrín, á esquerda, e Xosé Luís Axeitos, onte, na sede da Academia Galega. gustavo rivas< / span>

A renuncia será tratada no plenario entre peticións para que siga no cargo

01 mar 2013 . Actualizado a las 11:20 h.

A convocatoria de onte na sede de Real Academia Galega era para presentar o Dicionario de alimentación e restauración, pero o tirón mediático do acto tiña máis dunha rolda de prensa de Mourinho que da posta de largo dun estudo sobre a terminoloxía gastronómica galega. Era o primeiro acto público de Xosé Luís Méndez Ferrín desde que o pasado luns anunciara a súa dimisión como presidente da Academia Galega e mesmo como membro de número da RAG así que, cumprido o trámite da presentación do volume, os xornalistas bombardearon a Ferrín con preguntas sobre as causas da súa renuncia.

«Non hai comentario»

«Non hai comentario», repetiu unha e outra vez o aínda presidente da Academia sobre as tensións internas vividas nos últimos meses cun sector de académicos pola contratación de familiares da executiva na RAG e pola presentación das contas detalladas da corporación ao plenario. Pero cando se lle preguntou sobre a posibilidade de que repense a súa decisión de dimitir ante as peticións de que permaneza no cargo ata esgotar o seu mandato en xaneiro do 2014, formuladas tanto por destacados académicos, como Manuel Rivas ou Darío Xohán Cabana, como por entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Centro Pen Galicia, Ferrín cambiou de rexistro. «Serán informados ao seu debido tempo», contestou á pregunta de se estes apoios públicos lle farán dar marcha atrás na súa renuncia.

Aínda que a dimisión é firme, e xa está asinada e tramitada ante a secretaría da Academia, será no vindeiro plenario, no que se estudará a súa renuncia, onde Ferrín responderá a estas peticións de que continúe no cargo, polo que se pode interpretar que onte non querería adiantar a súa resposta aos medios antes de dala a coñecer persoalmente aos outros 26 numerarios da RAG.

Petición de continuidade

Durante os últimos días vén cobrando forza a posibilidade de que o plenario lle pida a Ferrín que siga na presidencia, aínda que o círculo máis próximo ao escritor ourensán sinala que a decisión non ten volta atrás.

Ante as reiteradas preguntas da prensa sobre a crise que atravesa a Academia, o presidente dimisionario abondou no seu «non hai comentario» e, ante a insistencia, replicou: «Hoxe non toca, por favor, falemos de gastronomía». Unha xornalista aceptou entón o reto e retrucou: «¿Nos podería dicir como está dixerindo o conflito que vive a Academia Galega?», envite que Ferrín encaixou con humor: «Moi enxeñosa... Ben, grazas».