O secretario asumirá a presidencia en funcións

La Voz

CULTURA

26 feb 2013 . Actualizado a las 12:29 h.

O proceso de relevo de Xosé Luís Méndez Ferrín na presidencia da Real Academia Galega iniciarase cando o plenario da institución acepte a súa renuncia nunha reunión para a que aínda non hai data de convocatoria.

O plenario, formado por trinta membros, deberá estudar e no seu caso aprobar ou rexeitar tanto a dimisión de Ferrín como presidente como a renuncia da súa condición de académico de número, que nun principio ten carácter vitalicio.

En canto o pleno da Academia acepte a dimisión, pasará a desenvolver o cargo de presidente en funcións o actual secretario da corporación, Xosé Luís Axeitos, man dereita de Ferrín na executiva que dirixía a entidade desde xaneiro do 2010 e á que lle restaba aínda un ano do seu mandato.

Precisamente Axeitos está no centro da polémica interna que viviu durante os últimos meses a RAG, en medio de fortes críticas dun sector de académicos á xestión de Ferrín.

O propio secretario da institución explicaba onte, nunha entrevista con La Voz, que estes ataques teñen como fondo o desexo, por parte do Instituto da Lingua Galega e do Consello da Cultura Galega, de «colonizar» a Academia e de asumir o seu control en lugar da actual dirección.

Axeitos permanecerá como presidente en funcións da corporación ata que se celebre un novo plenario, pendente aínda de convocatoria, no que se elixirá un novo presidente para un período de catro anos con opción a unha reelección.

Entre os posibles aspirantes a substituír a Ferrín soa con forza o nome do académico e actual presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que remataría no 2014 o seu segundo mandato á fronte do Consello e ao que se aludía nas acusacións de Axeitos de que esta entidade aspiraba a «colonizar» e «controlar» a centenaria Academia Galega. O sucesor de Ferrín na rúa Tabernas será o presidente número catorce desde Manuel Murguía.

O último presidente da Academia que renunciou ao seu cargo foi o intelectual Domingo García-Sabell, que abandonou o cargo en 1997 despois de vinte anos de exercicio e cando estaba a punto de cumprir 88 anos.

García-Sabell declarou entón a La Voz, en maio de 1997, que abandonaba a presidencia da RAG por «fatiga». Como marcaban daquela os estatutos, asumiu a presidencia en funcións o académico de máis idade do plenario, Antón Fraguas, ata que, xa en novembro de 1997, foi elixido Francisco Fernández del Riego como novo presidente.