O Consello da Cultura honra a Rosalía e proxecta para o mundo a súa obra

J. G. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A homenaxe coincide co 150 aniversario de «Cantares gallegos», poemario determinante para o Rexurdimento das Letras Galegas

22 feb 2013 . Actualizado a las 15:51 h.

Ao aproveitar as posibilidades de Internet e a implicación de especialistas internacionais nos estudos culturais, o Consello da Cultura Galega proxecta este ano para o mundo a obra de Rosalía de Castro, nunha homenaxe que coincide co 150 aniversario de Cantares gallegos. Este poemario foi «auroral» e «determinante para o Rexurdimento das Letras Galegas», segundo o presidente do Consello, Ramón Villares, quen presentou as iniciativas programadas, con Rosario Álvarez e Manuel Gago.

Destaca un congreso internacional, en Santiago (continuidade do celebrado en 1985), que principia o 28 deste mes coa sesión presencial dedicada a Rosalía de Castro ante os procesos de cambio social e cultural. Intervirán docentes e investigadores das tres universidades galegas, ademais de dúas especialistas das de Nottingham e Huelva.

O 21 de marzo, 25 de abril, 30 de maio e 27 de xuño serán as outras catro sesións presenciais. Entre as cinco xuntarán medio cento de especialistas de varios países, que achegarán «olladas renovadoras» de distintos campos do coñecemento, como a historia da ciencia e do pensamento, migracións, ecdótica, historia da prensa, teoría da literatura e outros, «coa vontade de que esta interdisciplinariedade permita un coñecemento máis amplo e profundo» da autora que ocupa o centro do canon literario galego.

Existe a posibilidade de contribuír con comunicacións libres, difundidas na web institucional www.consellodacultura.org. Aí tamén se encontran outros recursos, como a reprodución facsimilar da primeira edición de Cantares gallegos (Vigo, 1863); un roteiro por espazos que marcaron a biografía de Rosalía, un documental de 1951 que se considera «o primeiro vídeo do galeguismo» ou a promoción dun directorio internacional de rosalianistas. Tamén haberá actos no Instituto Cervantes de Madrid, en outubro; e no Instituto de Estudos Cataláns de Barcelona, en novembro.