A escena galega volve demandar unha resposta á parálise do sector

Pecháronse onte na Agadic para intentar entrevistarse co conselleiro


Redacción / La Voz

Representantes do sector escénico galego pecháronse onte nas oficinas da Agadic no Gaiás para demandar unha entrevista co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, froito da súa preocupación polo que consideran a parálise total da rede de teatros e concertos. Membros de Escena Galega permaneceron dende o mediodía nas instalacións mentres trataban de xestionar un encontro con Vázquez, algo que reclaman sen éxito dende hai meses.

Cada un dos participantes no peche pasou individualmente polo rexistro para solicitar a entrevista co conselleiro. Despois de que a secretaria de Vázquez contactase con el por teléfono, se lle comunicou aos concentrados que si habería reunión, mais non unha data, polo que o peche continuou durante a tarde. «Non é o mesmo que nos digan dentro dun mes que esta semana», afirmou o presidente de Escena Galega, Salvador del Río. Arredor de 75 persoas intentaron prolongar o peche toda a noite, pero pasadas as nove foron desaloxadas pola Policía sen que se producisen incidentes.

«Levamos tres meses xa sen traballo, tres meses nos que se deixou á xente sen cultura», explicou dende a concentración a actriz Mónica Camaño. Ata o de agora, o único diálogo coa Administración produciuse o pasado martes de entroido, nunha reunión co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que, segundo os representantes das artes escénicas, non despexou as súas dúbidas. «Nós levamos dous anos de recortes, e asumimos que ten que habelos, estalle tocando a todos. Pero queremos saber a que nos enfrontamos. O único que nos dixo Lorenzo é que contan con que a Agadic volva reducir o seu orzamento ata nun 45 %. E co 55 % restante non só teñen que soster a programación deste ano, senón pagar tamén todo o que se debe do anterior», detallou a actriz.

Pero a directores, actores, músicos e demais profesións afíns á escena non só lles preocupan estes tres meses que cualifican de «parálise total». Tamén queren saber que plans de futuro ten a Xunta para o sector cultural galego. «Non queremos pan hoxe e fame mañá», explicou Camaño, quen tamén alertou: «Non hai previsións, non hai orzamentos, non hai director da Agadic».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

A escena galega volve demandar unha resposta á parálise do sector