Alborada para o inicio da Galicia contemporánea

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O día 24 comezan os actos polos 150 anos de «Cantares gallegos»

16 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Celebrar un libro que marca «o inicio da contemporaneidade en Galicia» é un dos argumentos das conmemoracións que este ano se van celebrar arredor do sesquicentenario da edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Hai 150 anos que se publicou este libro e, a partir do vindeiro 24 de febreiro, vai celebrarse un programa de actividades presentado onte pola Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo. Anxo Angueira, presidente da fundación rosaliana, sinalou que «Rosalía está máis viva que nunca e a sociedade galega vai ser un fervedoiro».

Como punto de partida para todas as celebracións escolleuse o vindeiro 24 de febreiro, Día de Rosalía, cando está convocada a Alborada para Rosalía, unha celebración estendida á que están chamados os gaiteiros de toda Galicia para interpretar cada un na súa localidade a Alborada, o poema que Rosalía de Castro situou como último texto do libro que se conmemora e que, segundo Angueira, «é unha alborada de Galicia, un texto político, unha chamada alegre, chea de ilusión e esa é a mensaxe que quere transmitir a Fundación Rosalía».

Os gaiteiros que queiran participar nesta actividade poden rexistrarse na páxina web da fundación que acaba de botar a andar no seu novo formato. Nese mesmo día haberá dúas actividades institucionais para acompañar a esta alborada, a primeira delas, ás dez da mañá, unha ofrenda floral na praza de Vigo, en Compostela. A segunda na propia casa da poeta, en Padrón.

Vigo terá un protagonismo especial nestas celebracións, segundo sinalou o vicerreitor da Universidade de Vigo, Henrique Costas, como corresponde á cidade na que se imprimiu o poemario, para que desde esa cidade «se irradien todas as actividades ao resto de Galicia, como sucedeu co libro de Rosalía».

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, explicou que a figura de Rosalía «está xa instalada no mito», lembrando que o 24 de febreiro celébrase a alguén de tal importancia e magnitude que «non hai un só galego que non sinta a Rosalía cerca».