Unha alborada extendida por Galicia iniciará a conmemoración de «Cantares Gallegos»

Camilo Franco SANTIAGO DE COMPOSTELA

CULTURA

Fundación Rosalía de Castro, Real Academia Galega e a Universidade de Vigo lanzaron o programa de actividades para celebrar o 150 aniversario da edición en Vigo do libro que consideran fundamental para a cultura de Galicia, «Cantares Gallegos», de Rosalía de Castro.

15 feb 2013 . Actualizado a las 14:31 h.

Cantares gallegos é o inicio da Galicia contemporánea e este é un dos argumentos da celebración que comezará de xeito efectivo o vindeiro 24 de febreiro e que quere conmemorar os 150 anos da edición do libro de Rosalía de Castro. A Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo presentaron o programa de actividades que celebrará a data e que, entre outros actos, ten previsto a reinaguración da Casa de Rosalía.

Anxo Angueira, presidente da fundación rosaliana, sinalou, «Rosalía está máis viva que nunca e a sociedade galega vai ser un fervedoiro».

Como punto de partida para todas as celebracións escolleuse o vindeiro 24 de febreiro, Día de Rosalía, cando está convocada a Alborada para Rosalía, unha celebración extendida á que están chamados os gateiros de toda Galicia para interpretar cada un na súa localidade a Alborada galega, o poema que Rosalía de Castro situou como último texto do libro que se conmemora e que, segundo Angueira,«é unha alborada de Galicia, é un texto político, unha chamada alegre, chea de ilusión e esa é a mensaxe que quere transmitir a Fundación Rosalía». Os gaiteiros que queiran participar nesta actividade poden rexistrarse na páxina web da fundación que acaba de botar a andar no seu novo formato.

Nese mesmo día haberá dúas actividades institucionais para acompañar a esta alborada, a primeira delas unha ofrenda florar na praza de Vigo, en Compostela. A segunda na propia casa da poeta, en Padrón.

Vigo terá un protagonismo especial nas celebracións, segundo sinalou o vicereitor da Universiade de Vigo, Henrique Costas, como corresponde á cidade na que se imprimiu o libro e que desde esa cidade «se irradien todas as actividades ao resto de Galicia, como sucedeu co libro de Rosalía».

A historia da escritora «está chea de lendas e de mentiras e tamén de certezas», explicou o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, para sinalar que a figura de Rosalía «está xa instalada no mito», lembrando que o 24 de febreiro celébrase o nacemento dunha escritora de tal importancia que non hai «un só galego que non sinta a Rosalía cerca». Ferrín apuntou que pode haber outros libros que anuncien a literatura galega pero Cantares gallegos «é o libro que nos define».

As actividades tralo punto de partida da alborada continuarán ao longo do ano cunha exposición, O cantar dos cantares, en distintos puntos do país. Para o vindeiro 17 de maio está convocada outra celebración extendida cos músicos de toda Galicia. Tamén se está elaborando a tradución de Rosalía de Castro a 50 idiomas, unhas traducións que serán utilizadas en actividades a desenvolver en colaboración con outras institucións culturais e veciñais.

O presidente da Fundación Rosalía sinalou que dentro do proxecto para este ano está previsto que, en decembro, inaugurar as obras de mellora da fundación e o proxecto de renovación museográfica da institución. Tamén apuntou que a intención destes actos non era solapar outras actividades como a celebración do Día das Letras Galegas, que este ano se adica a Roberto Vidal Bolaño, senón coordinar actividades entre as dúas celebracións tendo en conta «a relación que Bolaño mantivo coa obra de Rosalía».